Busto: “O proceso de fusión foi unha sucesión de mentiras e desinformación”

Busto: “O proceso de fusión foi unha sucesión de mentiras e desinformación”

Oza dos Ríos, 15 de xuño de 2013. O BNG denunciou que a xestora do novo concello de Oza-Cesuras queda conformada en exclusiva por representantes do PP e do PSOE. Estefanía Busto: “O único grupo que queda excluído da xestora é o BNG, máis de 800 veciñas e veciños quedan sen representación. Isto supón un atraco á democracia”.

“Seguimos sen ter información sobre o criterio que seguiu o PP para nomear esta comisión: non se cumpre a proporción de votos das eleccións municipais nin a paridade de xéneros”, apuntou Busto. “O mais grave é que os veciños e veciñas tampouco están sendo informados absolutamente de nada. O mínimo que podía facer o Partido Popular, despois de decidir unilateralmente unha fusión sen contar coa opinión de ninguén é informar debidamente á veciñanza.”

Estefanía Busto: “O mínimo que podía facer o Partido Popular, despois de decidir unilateralmente unha fusión sen contar coa opinión de ninguén é informar debidamente á veciñanza”.

“A única información que recibiron as veciñas e veciños de Oza foi por parte do BNG. Nin os concellos, nin á Deputación, nin a Xunta fixeron nada por escoitar aos veciños e veciñas nin para informalos das consecuencias da fusión”, criticou Busto, “claro que mal se pode informar se non hai estudo serio e o único que poden dicir é unha mentira tras outra”.

O Partido Popular prometeu nun primeiro momento que se ía manter todo o persoal e servizos dos dous concellos. “Onte o recen nomeado alcalde de Oza-Cesuras recoñecía que ía ter que facer ‘axustes’ no cadro de persoal”, criticou a voceira do BNG en Oza, “supoño que estes despedimentos irán sumados á diminución dun terzo do persoal que levaron a cabo cando aprobaron os orzamentos de Oza dos Ríos.”

O BNG insistiu en que o PP esta furtando a participación a 800 veciños e veciñas.

“Exiximos ao Partido Popular que rectifique e nomee unha nova xestora que se adapte á legalidade e sen exclusións”, afirmou Busto, “sabemos que ao PP lle molestamos porque informamos aos veciños e veciñas do que sucede no Concello con datos reais e por iso intentan excluírnos”.

O BNG exixe ao Partido Popular que rectifique e nomee unha nova xestora que non exclúa 800 veciños e veciñas da participación no novo concello.

Os nacionalistas insisten en que todo o proceso de fusión e o de nomeamento da xestora está “cheo de irregularidades, como o incumprimento de Lei electoral ou a participación de persoas inhabilitadas para cargo público”, concluíu Busto.

Busto: “O proceso de fusión foi unha sucesión de mentiras e desinformación”