O BNG volve denunciar que o goberno do PP impide a participación da oposición nos plenos

Estefanía Busto nunha comparecencia pública
O BNG volve denunciar que o goberno do PP impide a participación da oposición nos plenos

Estefanía Busto: “Como vén sendo tradicional, o PP segue a poñer atrancos á participación da oposición, xa que ou ben non convocan os plenos ordinarios, e cando os convocan non permiten que se debatan as propostas do BNG”.

Oza dos Ríos, 19 de marzo de 2013. A portavoz municipal do BNG en Oza dos Ríos, Estefanía Busto, acusou ao alcalde de “amordazar” á oposición. A voceira nacionalista reprochou ao goberno local do PP que, máis unha vez, non permita debater ningunha das propostas que o BNG presentou no Concello.

“Mañá celebrarase un pleno ordinario, mais o alcalde non incluiu na orde do día ningunha das propostas do BNG”, criticou a concelleira nacionalista, “é nos plenos ordinarios cando a oposición podemos levar as nosas propostas, mais con esta actitude ditatorial non nos permiten facer a nosa labor”.

“O alcalde está impedindo que se expresen libremente unha parte das veciñas e veciños que confiaron no BNG para representalos” afirma a concelleira nacionalista. Busto advirte ao alcalde que evitando que a oposición presente iniciativas ao Pleno “non me impide falar a min ou ao BNG, está negándolle o dereito a expresarse a un importante número de veciños de Oza que non pensan como el”.

A portavoz municipal do BNG denuncia que con esta actitude o goberno do PP “atenta contra o dereito dos veciños a participar no Concello”. Nesta ocasión, o BNG tiña rexistradas mocións contra a reforma local do PP, e outra polo mantemento do COF do Ventorrillo. “Non sei se o alcalde é consciente de que o peche do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo deixa a 152.000 mulleres de 32 concellos, entre os que se encontra o de Oza dos Rios, con só dúas prazas de xinecoloxía”, reclamou Busto, “polo que está demostrando a saúde das mulleres é un tema que non ten importancia para o PP, mais o BNG non vai consentir que se xogue coa nosa saúde”.

O PP nega o acceso á información ao BNG

“O goberno do PP segue a negarnos o acceso á información necesaria para levar a cabo a nosa labor de control” afirma a voceira nacionalista en relación con un expediente de contratación. “Entre as resolucións da alcaldía hai unha contratación de persoal por 7 días, mais non nos facilitan acceso ao expediente” explicou Busto, “esiximos saber como foi o proceso de selección e a cargo de que partida do orzamento se lle vai pagar. O goberno local do PP segue pensando que o Concello é a súa empresa particular” engadiu a voceira do BNG, “non ten ningún sentido que hai uns meses despidan un terzo do cadro de persoal e agora teñan que contratar persoal para labores urxentes durante 7 días”, concluiu.

O BNG volve denunciar que o goberno do PP impide a participación da oposición nos plenos