O BNG tributa este venres 24 de agosto unha homenaxe a Antolín Faraldo

Homenaxe Antolín Faraldo 18

O BNG celebrará o vindeiro venres 24 a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo, na praza do seu nome na Ribeira a partir das 20:30 h. A homenaxe contará coa xa tradicional ofrenda floral, un recital poético popular e as intervencións da voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, e de Henrique del Río, portavoz do BNG no concello de Betanzos.

O BNG tributa este venres 24 de agosto unha homenaxe a Antolín Faraldo

Betanzos, 22 de agosto de 2018. O BNG celebrará o vindeiro venres 24 a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo, na praza do seu nome na Ribeira a partir das 20:30 h. A homenaxe contará coa xa tradicional ofrenda floral, un recital poético popular e as intervencións da voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, e de Henrique del Río, portavoz do BNG no concello de Betanzos.

Como ven sendo habitual, o acto terá tamén unha vertente lúdica co concerto de Mari ah! e Álvaro Muras, mentres que para poñer en valor a figura de Antolín Faraldo, o primeiro teórico do nacionalismo galego, está programada unha exposición sobre a vida e importancia de Faraldo e mais a representación da obra teatral “Abril de Lume e Ferro”, escrita por Manuel María e baseada na revolución galega de 1846 inspirada, entre outros polo propio Faraldo. Será a compañía carralesa “Abril de Lume e Ferro” quen desenvolva a representación.

As nacionalistas seguen a demandar ao Concello de Betanzos que divulgue e poña en valor a figura de Antolín Faraldo Asorey. Fillo predilecto de Betanzos desde 2004 por insistencia do BNG, ata o pasado ano- e logo de insistir durante lustros- o seu retrato non asomou na galería de honra da Sala Capitular do Concello. “Aínda que formalmente puxeron retrato e placa explicando quen é, falta que o Concello poña en valor e dea a coñecer unha figura do relevo que ten Antolín Faraldo” explica o voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río.

 “Nin ao PSOE nin ao PP interesoulles o máis mínimo difundir o significado da figura de Antolín Faraldo”, censurou o voceiro nacionalista, “a placa colocada no seu busto para explicar a importancia da súa figura púxoa o BNG no seu momento en vista da deixadez do goberno local, o mesmo que a exposición de paneis ou os dípticos explicativos e xornadas sobre importancia da Revolución galega de 1846 en colaboración coas asociacións culturais da comarca”. “Resulta curioso como o goberno local prefire homenaxear e colocar placas aínda hoxe a persoeiros franquistas en lugar de recoñecer que foi un betanceiro quen empezou o movemento que fixo que hoxe Galiza teña o autogoberno que ten”, lamenta.

Conmemoración do Día da Galiza Mártir

A homenaxe a Antolín Faraldo enmárcase nos actos que o BNG desenvolve para conmemorar o Día da Galiza Mártir. A efeméride, establecida polo Consello de Galiza no exilio tras o golpe de estado franquista, fixouse no aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda, o 17 de agosto. Bóveda fora un dos impulsores do Estatuto de Autonomía para Galiza e secretario de organización do Partido Galeguista, formación da que é herdeiro e continuador o BNG.

O BNG tributa este venres 24 de agosto unha homenaxe a Antolín Faraldo