O BNG reclama no Parlamento que se anule a fusión de Oza e Cesuras

O BNG reclama no Parlamento que se anule a fusión de Oza e Cesuras

Oza dos Ríos, 20 de xuño de 2013. O BNG vén de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galiza reclamando ao goberno galego que paralice o proceso de fusión dos concellos de Oza e Cesuras á vista das numerosas irregularidades e a vulneración da legalidade. Os nacionalistas esgotaron todas as alternativas no Parlamento para reclamar “a paralización dun proceso repleto de ilegalidades”.

Francisco Jorquera e Tereixa Paz, parlamentares do BNG, lembran na batería de proposicións presentadas a cantidade de irregularidades que inzou o proceso: o voto de dous exalcaldes do PP inhabilitados para desempeño de cargo público por sentenza xudicial, a designación da xestora saltándose a lexislación vixente, o incumprimento da paridade como exixe a lei, ou a exixencia dunha maioría para fusionar Oza-Cesuras e outra distinta para vetar a fusión Valadouro-Alfoz, entre outras irregularidades.

Os parlamentares nacionalistas cuestionan nas súas iniciativas que o goberno do PP deixase fóra da xestora do novo municipio ao BNG, que obtivo catro concelleiros nestes dous concellos nas últimas eleccións municipais ao conseguir 709 votos. “O PP válese mesmo dun episodio de transfuguismo en Cesuras para furtar ao BNG a representación que a veciñanza lle outorgou en ambos concellos”, denuncian no texto rexistrado na Cámara para obrigar ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a dar a cara por este proceso.

“Para rematar co esperpento deste nomeamento, unha das persoas ás que lle correspondería entrar polo PP, según este partido fixo público na prensa, renunciou antes de que se publicara no DOG o nomeamento” denuncian desde o grupo parlamentar do BNG. Os nacionalistas entenden que é “unha nova irregularidade, xa que o resto dos grupos non tiveron a oportunidade de coñecer as intencións da Consellaría de Presidencia ou influír no nomeamento dos vogais que lles corresponderían”.

Os nacionalistas esgotaron todas as alternativas no Parlamento para reclamar “a paralización dun proceso repleto de ilegalidades”.

“Todo este proceder proba que o PP empregou a administración galega no seu único beneficio partidista” denuncian os representantes do BNG. “Desde o BNG esgotamos todas as vías posíbeis no Parlamento para forzar ao PP a asumir as súas responsabilidades neste esperpento” explica a voceira do BNG en Oza, Estefanía Busto.

“Aínda encima de permitir o voto de dúas persoas inhabilitadas, o  presidente da Deputación, Diego Calvo, lonxe de condenar estas actuacións, ampáraas e xustifícaas” denuncia. “Seica a estafa protagonizada por Lucas era unha cousa pequen”, ironizou “non sei se as persoas estafadas compartirán esta visión do PP”. “Está visto que o PP ten unha idea peculiar da Xustiza: mentres que as condenas por estafa de Lucas ou de Telmo Martín non son nada, usaron ate a Lei antiterrorista para impedir que o alcalde de Arzúa polo BNG puidese ser reelixido por unha condea ao Concello que, por certo, provocara o anterior alcalde do PP”, reprocha.

Os nacionalistas forzarán a comparecencia de Rueda, conselleiro de Presidencia, para dar explicacións sobre este proceso. O BNG presentou ademais unha Proposición Non de Lei solicitando á Camara que anule o decreto de fusión de Oza e Cesuras.

O BNG reclama no Parlamento que se anule a fusión de Oza e Cesuras