Pedimos no Parlamento que se cubra de modo permanente o servizo de pediatría do centro de Betanzos

Montse Prado na comisión de sanidade
Montse Prado na comisión de sanidade

Montse Prado afirma que a carencia de persoal na  comarca das Mariñas provoca aumento de listas de espera e colapsos

Pedimos no Parlamento que se cubra de modo permanente o servizo de pediatría do centro de Betanzos

Santiago de Compostela, 22 de Febreiro, 2018.- A deputada do BNG, Montse Prado  formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a carencia de persoal sanitario na comarca das Mariñas e que afecta  aos concellos  de Abegondo, Aranga, Betanzos, Bergondo, Coirós, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras e Paderne.

Prado denunciou o  “crecente deterioro” sanitario da  comarca que achacou a unha decisión política   dos gobernos do Partido popular. Por outra banda, trasladou ao Parlamento, a inquedanza dos veciños e veciñas polos recortes en sanidade que dende hai anos afectan de maneira grave ao persoal, atención ás persoas usuarias do sistema sanitario público e as infraestruturas.

A comarca das Mariñas, dixo a deputada do BNG, ten sufrido nos últimos anos  a “non  substitución de profesionais sanitarios,  colapsos nos servizos,  servizos eliminados   e continuos incumprimentos de compromisos para  arranxos e construción de novos centros”.

En agosto de 2012, lembrou Prado,  o BNG xa preguntou  no Parlamento polos recortes na área de pediatría do centro de saúde do Carregal, en Betanzos, área de  referencia para a poboación de Coirós, Paderne, Aranga e Irixoa e criticou a  decisión da Consellería de  non cubrir as vacacións de verán, “da única pediatra do centro betanceiro”. Esta situación, dixo, non é puntual xa que o SERGAS tampouco  cubre “permisos, baixas e licenzas” o que obriga a  outra   pediatra ou  médicos e médicas  de familia de Betanzos  “a asumir  a atención dos nenos e nenas  que quedaron sen a súa pediatra.  Esta situación, dixo, non é puntual, tamén se está a producir  nos servizos de matrona, Xinecoloxía e resto de consultas.

A Pediatría, matrona, xinecoloxía hai que engadir  que  a finais do 2017 a falta de cobertura en Betanzos das vacacións do persoal de urxencias psiquiátricas,  obrigou a pechar o servizo e  derivar pacientes ao CHUAC até o pasado 9 de xaneiro.

É evidente, recalcou a nacionalista,  que esta situación  contribuíu  ao colapso do hospital coruñés pero estes problemas, tampouco  “ son puntuais, ou  esporádicos”, xorden en  vacacións , verán, Semana Santa, Nadal, épocas que non acostuman  a substituír persoal  e de facelo,  “non tódolos días”, e en xornadas de 3 horas. A deputada estendeu a falta de substitución do persoal médico tamén ao ámbito do persoal administrativo.

“O deterioro progresivo dos diferentes servizos do centro de saúde de Betanzos obriga a botar man, dos servizos de urxencias, con desprazamentos ao hospital Teresa Herrera co  conseguinte colapso das urxencias”.

Para a deputada, a  Consellaría debe  asumir que a falta de coberturas das vacantes no centro do Betanzos   provoca problemas para todas as persoas usuarias da comarca obrigando a  desprazarse nalgúns casos, como o de Aranga, máis de “3 cuartos de hora até o centro do Ventorrillo”.

Isto acontecía no mes de agosto e  apenas un mes e medio máis tarde, “o SERGAS derivaba pacientes do centro de saúde da Castelanada ao centro de saúde de Présaras, no concello de Vilasantar.

Finalmente, a nacionalista afirmou que  a finais de ano os centros de saúde de Aranga estiveron sen médico na metade do tempo de apertura durante tres días polo que preguntou se a Xunta vai proceder a cubrir as prazas do persoal na Comarca das Mariñas para  prestar unha asistencia sanitaria de calidade así como garantir a cobertura “permanente do servizo de Pediatría” no centro de saúde de Betanzos.

Pola súa parte, o director xeral de Asistencia  sanitaria, Jorge Aboal   respondeu que a cobertura sanitaria da comarca  está garantida ao que a nacionalista  reiterou a “falta de persoal en pediatría” e noutros servizos e lamentou que o  responsable de Sanidade no anunciara ningún compromiso para tranquilizar a veciñanza da comarca e mellorar os servizos asistencia sanitaria.