O BNG cuestiona o aforro que supón a fusión cunha xestora na que se duplican todos os cargos

O BNG cuestiona o aforro que supón a fusión cunha xestora na que se duplican todos os cargos

Oza dos Ríos, 26 de xuño de 2013.  A portavoz municipal do BNG en Oza dos Ríos, Estefanía Busto, cuestionou o funcionamento da xestora que gobernará Oza-Cesuras. “O PP estivo utilizando como argumento para vender a fusión o aforro, mais á vista de como se organizou a nova corporación vemos que se duplican as funcións e que se nomean dúas persoas por cada área” informou Busto.

“Onde queda o aforro se van seguir utilizando as dúas casas consistoriais? O PP segue a manter a mesma estrutura nos dous concellos, están improvisando a fusión, xa que non teñen un plan de viabilidade”, requiriu.

Ademais da cuestión económica, o BNG denuncia que se está a excluír á veciñanza deste proceso. “Desde que se iniciou o proceso de fusión, o PP non permitiu participar del á veciñanza nin aos demais grupos políticos” apuntou a portavoz nacionalista, “o nomeamento e o funcionamento desta xestora veu imposto, non se nos permitiu participar del e o que nos parece realmente grave é que algúns medios de comunicación teñan máis información que as veciñas e veciños de Oza” denunciou Busto.

Estefanía Busto: “O PP segue a manter a mesma estrutura nos dous concellos, están improvisando a fusión, xa que non teñen ningún plan de viabilidade”

En relación coas declaracións do Presidente da Deputación e impulsor da fusión, Diego Calvo, nos medios de comunicación sobre a participación veciñal no proceso, Busto considerou que “é unha mostra máis da prepotencia coa que actúa o PP”. “Rexeitaron todas as achegas da oposición desde que comezou o proceso e son uns covardes porque nunca deron explicacións directamente á veciñanza”, criticou a voceira do BNG.

“Representamos a máis de 700 persoas que confiaron no BNG malia que ao PP non lle guste”, indicou Busto. “Calvo estalle faltando a toda esa veciñanza cando di que rebentamos actos”, reprochou a voceira nacionalista. “E excluíndo ao BNG do novo concello están secuestrando a vontade de toda esa xente”, engadiu.

“O BNG ten dereito a facer propostas e fomos o único grupo que se reuniu coa veciñanza para explicarlles como ía o asunto da fusión”, advertiu. “E dado que o PP secuestra a nosa representación, tamén temos dereito democrático a facer as nosas críticas e queixas diante deste golpe de estado”, engadiu. “Exiximos ao Presidente da Deputación que deixe de criminalizar a quen pensa diferente e que informen das vantaxas da fusión, se é que as hai”, concluíu Busto.

O BNG cuestiona o aforro que supón a fusión cunha xestora na que se duplican todos os cargos