O BNG homenaxeou aos mártires de Carral salientando paralelismos coa actualidade

Vitoria Louro, Henrique del Río e Xabier Vence na homenaxe aos martires

O BNG-Asembleas abertas celebrou onte 26 de abril a súa homenaxe aos mártires de Carral. No acto participaron Vitoria Louro, candidata á alcaldía de Carral, Henrique del Río, candidato á alcaldía de Betanzos e Xabier Vence, portavoz nacional do BNG.

O BNG homenaxeou aos mártires de Carral salientando paralelismos coa actualidade

Carral, 27 de abril de 2015. O BNG-Asembleas abertas celebrou onte 26 de abril a súa homenaxe aos mártires de Carral. No acto participaron Vitoria Louro, candidata á alcaldía de Carral, Henrique del Río, candidato á alcaldía de Betanzos e Xabier Vence, portavoz nacional do BNG.

Os tres salientaron nos paralelismos entre a situación que se vivía no ano 1846 e a actual, e reivindicaron a vixencia do pensamento rexionalista como xerme do actual nacionalismo.

“Son as nosas raíces por iso hoxe, desde o BNG queremos conmemorar a revolución de 1.846, a revolución contra a tiranía, contra o despotismo, contra o escurantismo”, explicou a candidata á alcaldía de Carral, Vitoria Louro.

“O BNG continúa a traballar precisamente para que a cerna daqueles homes e mulleres que soñaron cunha Galiza dona de si propia non siga a ser negada ou eliminada”, engadiu Louro.

Louro: “O BNG continúa a traballar precisamente para que a cerna daqueles homes e mulleres que soñaron cunha Galiza dona de si propia non siga a ser negada ou eliminada”

Antolín Faraldo e os provincialistas tiveron claro naquela altura que os problemas do pobo galego non terían solución mentres as decisións sobre o noso futuro se tomasen a cincocentos quilómetros do noso país”, explicou Henrique del Río, candidato do BNG-Asembleas abertas á alcaldía de Betanzos, vila natal de Faraldo. “foron conscientes de que, ou tomaban partido, ou a nosa terra seguiría a ser a despensa e a fábrica de carne de canón para as guerras coloniais, as segas ou as grandes obras da metrópole. Hoxe non son as guerras, mais somos fabricas de man de obra barata e de emigración”.

“É importante coñecer o que pasou naquel ano 1846 e sobre todo, porque se rebelaron aquelas persoas e remataron asasinadas en Carral. Pola liberdade, pola dignidade dos galegos e galegas, para conquistar o dereito a seguir sendo, a seguir existindo”, continuou Del Río, quen chamou a loitar para cambiar o presente desde o coñecemento do pasado.

Del Río: “Hoxe non son as guerras, mais somos fabricas de man de obra barata e de emigración”

Finalizou o acto coa intervención de Xabier Vence que reivindicou o papel dos “percusores das reivindicacións nacionalistas en Galiza que se ergueron para defender unha maior autonomía para este país e plantaron cara ás políticas da corte contra Galiza, algo que segue a ter plena vixencia na actualidade”.

Vence considera que hoxe segue a ser necesario loitar contra as políticas “recentralizadoras” que “arrasan” o tecido produtivo e que levan ao país “a ruína”, como pasaba cando a mediados do século XIX se produciu a revolta en defensa “dunha Galiza de seu, con institucións propias”. “Temos que seguir loitando para que preservar o noso autogoberno e para acadar outro tipo de políticas que non arrasen co país”, sintetizou.

O BNG homenaxeou aos mártires de Carral salientando paralelismos coa actualidade