O BNG anuncia a súa abstención na transformación do consorcio en mancomunidade por ser un ente opaco e pouco democrático

O BNG demanda “que o novo organismo teña conte con normas, competencias e contas claras, democráticas e transparentes. Un ente supramunicipal que, non impedindo a posta en común de determinados servizos en zonas coma Betanzos e a súa comarca natural, sexa un instrumento útil, áxil e resolutivo ao tempo que legalmente seguro e solvente”

O BNG anuncia a súa abstención na transformación do consorcio en mancomunidade por ser un ente opaco e pouco democrático

A Coruña, 18 de outubro de 2020. O BNG anunciou hoxe a abstención dos seus edís na asemblea do consorcio das Mariñas a celebrar este martes na que se aprobará a súa transformación en mancomunidade. Os nacionalistas consideran que “dende a humildade e o traballo constante, ningunha forza política ten apostado tanto coma o BNG pola comarcalización de servizos, infraestruturas e planeamentos na contorna coruñesa. A xestión da auga, o saneamento das rías, o tren de proximidade, a racionalidade e gratuidade das vías de comunicación, as liñas de bus, a oferta de vivenda protexida ou a creación de infraestruras culturais e deportivas comúns son bandeiras históricas que, plantexadas e defendidas polo BNG, son a cada paso, compartidas por un sector crecente da sociedade”.

Asi o manifestou a responsábel comarcal da organización nacionalista, Victoria Louro, para quen “dende unha vocación inequivocamente comarcalista o proceso de cambio de consorcio a mancomunidade é algo claramente insuficiente, unha cuestión meramente cosmética debido a unha esixencia legal. O martes viviremos a constatación dun fracaso froito das liortas entre moitos gobernos municipais da comarca, a inacción da Coruña e a pasividade máis absoluta por parte da Xunta de Galiza, administración que ten as competencias na ordenación do territorio”.

Baixo a óptica nacionalista “en atención estatutos que se somenten a aprobación, a mancomunidade vai ser unha administración paralela máis, un chiringuito opaco e oscurantista, como foi o consorcio. Vaise limitar ao máximo a participación democrática dos grupos da oposición, conformándose na práctica a ser un clube de alcaldes sen o necesario control e fiscalización da xestión que se fai dos recursos públicos”.

Na mañá de hoxe, reuníronse no parque de Eirís, dende onde se divisa boa parte da comarca, edís nacionalistas de todos os concellos. A xuntanza fíxose na Coruña xustamente para sinalar a necesidade da implicación da cidade cabeceira nun auténtico proceso de comarcalización, onde inexcusabelmente ten que estar tamén Arteixo. ”.

O BNG demanda “que o novo organismo teña conte con normas, competencias e contas claras, democráticas e transparentes. Un ente supramunicipal que, non impedindo a posta en común de determinados servizos en zonas coma Betanzos e a súa comarca natural, sexa un instrumento útil, áxil e resolutivo ao tempo que legalmente seguro e solvente”.

Para os nacionalistas “PP e PSOE son os principais responsábeis da situación que vivimos a día de hoxe, onde a arquitectura administrativa que ambos partidos deseñaron vai moi por detrás dunha sociedade a cada paso máis comarcalizada. Hai unha inmensa maioría social que por cuestións de traballo, vivenda, ocio, deporte ou educación, cada vez entende menos de divisións localistas, límites municipais, burocracia e certificados de empadronamento.”

Finalmente, o BNG anunciou que ven de pedir que “a asemblea do consorcio a celebrar este martes no paraninfo da UDC, sexa retransmitida en directo polas webs e perfís sociais dos diversos concellos que integran o organismo coa finalidade de garantir o carácter de acto público que debe ter dito organismo, garantindo, en tempos de covid-19, o acceso, sequer cibernético, ao conxunto da cidadanía a dito evento”.

O BNG anuncia a súa abstención na transformación do consorcio en mancomunidade por ser un ente opaco e pouco democrático