Alegaremos diante da supresión de paradas en varias liñas que solicita Autos Vázquez

O BNG anunciou que presentará alegacións á petición de Autos Vázquez S.L. de suprimir paradas e frecuencias. Esta modificación suporía o abandono dos tramos entre Fraíz e Guiliade (Betanzos), o Rilo – Presedo (Abegondo), Trasanquelos (Cesuras), Cos (Abegondo) e O Burgo (Cambre). Propoñen abandonar tamén Guísamo (Bergondo), Piadela (Betanzos), Viladesuso (Betanzos), Camarada – Loureda (Cesuras) e Limiñón (Abegondo)

Alegaremos diante da supresión de paradas en varias liñas que solicita Autos Vázquez

Betanzos, 22 de decembro de 2016. O BNG anunciou que presentará alegacións á petición de Autos Vázquez S.L. de suprimir paradas e frecuencias. “Esta modificación suporía o abandono dos tramos entre Fraíz e Guiliade (Betanzos), o Rilo – Presedo (Abegondo), Trasanquelos (Cesuras), Cos (Abegondo) e O Burgo (Cambre). Propoñen abandonar tamén Guísamo (Bergondo), Piadela (Betanzos), Viladesuso (Betanzos), Camarada – Loureda (Cesuras) e Limiñón (Abegondo)”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López. 

“O abandono destas rutas suporía un prexuízo para a veciñanza destes lugares xa que impediría non só que se despracen desde estas paradas á Coruña senón tamén impide a comunicación dentro dos propios concellos e á articulación da comarca entre sí a través do transporte público”, engadiu a nacionalista. 

“A empresa concesionaria alega que non ten usuarios nestes tramos e que iso provoca un desequilibrio económico do contrato pola falta de usuarios e usuarias do servizo nestas paradas”, indicou Cristina López. “Mais o transporte de viaxeiros entendemos que é un servizo público e polo tanto non ten que estar suxeito a dar beneficios en todas as súas rutas e a empresa concesionaria resulta beneficiada doutras rutas nas que sí obten beneficios”. 

Desde o BNG anunciaron alegacións neste sentido e insisten sobre a necesidade dun transporte público de calidade que una as diferentes parroquias de cada concello e articule os diferentes concellos da comarca. Os nacionalistas pediron tamén aos concellos afectados que se manifesten en defensa do transporte público.

O BNG traslada esta supresión aos Plenos dos concellos

O BNG anunciou que trasladará esta supresión de rutas aos Plenos dos concellos afectados, como xa fixo o pasado martes en Betanzos e mañá no Pleno de Oza-Cesuras.

“Queremos saber se os gobernos locais teñen coñecemento deste expediente e cal é a valoración que fan desta supresión dun servizo público”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas. “Tamén queremos saber se os concellos afectados teñen pensado presentar alegacións a esta supresión”.