Como afecta nas Mariñas a caída do orzamento do Estado para Galiza?

Ría de Betanzos
Ría de Betanzos

“Nin se garante a seguridade viaria nas estradas nin se ofrecen alternativas”. Os orzamentos do Estado tampouco recollen partida para adoptar medidas que minimicen as inundacións no barrio da Ribeira en Betanzos

Como afecta nas Mariñas a caída do orzamento do Estado para Galiza?

Betanzos, 5 de abril de 2017. O BNG criticou hoxe a caída do gasto dos orzamentos do Estado nos concellos da comarca das Mariñas. “Non hai partida ningunha reservada para a rexeneración ecolóxica da ría de Betanzos, que se recollera nas contas no 2012 pero nunca chegou a executarse”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.

Os orzamentos do Estado tampouco recollen partida para adoptar medidas que minimicen as inundacións no barrio da Ribeira en Betanzos. “Polo que nos trasladaron os veciños e veciñas, que se limpase a canle do río podería mellorar bastante a situación e non se trata dunha actuación demasiado custosa”, explicou a voceira nacionalista. “Ademais sabemos xa hai algún proxecto redactado desde hai anos con posíbeis solucións para a Ribeira, que entendemos que se debera valorar economicamente e comezar a executar para dar solución a un problema que afecta a veciñanza deste barrio varias veces no ano” engadiu.

Os nacionalistas criticaron o insuficiente orzamento para melloras na seguridade viaria na N-651 nos barrios betanceiros da Ribeira e a Ponte Vella así como na N-VI na Angustia (Betanzos), en Coirós, Aranga e no concello de Bergondo. “Aínda que o goberno local anunciou que o Ministerio construirá unha rotonda en Guísamo, seguimos botando en falta outras medidas  como unha pasarela peonil no Espiritu Santo, onde o Ministerio de Fomento a prometeu no ano 2010 despois de varios atropelos, mais parece que se esqueceu do tema” abundou López.

Nin alta velocidade nin tren de proximidades

O BNG advirte de que os orzamentos xerais do Estado confirman que se abandona a equiparación do tren entre A Coruña, Betanzos e Ferrol co eixo atlántico. “Apenas 50 000 euros para o enésimo estudo sobre o baipás de Infesta parecen, a estas alturas, unha broma macabra”, engadiu a nacionalista.

“As contas xerais certifican o abandono do xa célebre estudo para a implantación do tren de proximidade, unha partida que se pospón ano tras ano e que para o 2017 non contará sequera con dotación orzamentaria”, concluíu López. Desde o BNG lamentan que o Ministerio de Fomento evite deste xeito buscar alternativas á mobilidade no interior da comarca e entre a cidade de Betanzos e as da Coruña e Ferrol. “Nin se garante a seguridade viaria nas estradas nin se ofrecen alternativas”, conclúen.