Respaldaremos a concentración das traballadoras da escola infantil A Ceboliña

“Cónstanos que hai familias de Miño que levan ás súas fillas a escolas infantís noutros concellos da contorna porque a escola municipal non garante un servizo de calidade”

Respaldaremos a concentración das traballadoras da escola infantil A Ceboliña

Miño, 15 de febreiro de 2019. O BNG fixo público o seu apoio ás traballadoras da escola infantil A Ceboliña, que levan tempo padecendo atrasos nos pagamentos das nóminas e incumprimentos do convenio constantes por parte da empresa. “Despediron a unha traballadora por exercer os seus dereitos sindicais e desde logo imos apoiar a concentración que convocan o vindeiro xoves” explicou o voceiro nacionalista, Henrique Abraira.

O voceiro do BNG en Miño, Henrique Abraira, lembrou que a escola infantil é de titularidade municipal e urxiu ao goberno local a poñer fin á situación que desde hai tempo se rexistra neste servizo público municipal. “O goberno local tarda en buscar unha solución a este tema”, lamenta o candidato nacionalista á alcaldía de Miño.

“Hai que garantir un servizo de calidade e a atención ás crianzas na escola infantil”, explica o nacionalista. “A situación que se rexistra esta tempada na escola infantil dista moito diso”, conclúe. “Cónstanos que hai familias de Miño que levan ás súas fillas a escolas infantís noutros concellos da contorna porque a escola municipal non garante un servizo de calidade”, abunda. “O Concello ten que exixir a empresa un servizo de calidade e unhas condicións laborais dignas para as traballadoras”, rematou.