Respaldamos onte a concentración das traballadoras da escola infantil A Ceboliña

imaxe
Imaxe da concentración convocada pola CIG

Henrique Abraira, lembrou que "a escola infantil é de titularidade municipal" e demanda ao executivo de Ricardo Sánchez Oroza e o PP que poñan  solución á situación que desde hai tempo se rexistra neste servizo público municipal

Respaldamos onte a concentración das traballadoras da escola infantil A Ceboliña

Miño, 21 de febreiro de 2019. O BNG respaldou esta mañá a concentración das traballadoras da escola infantil A Ceboliña, que veñen padecendo desde hai tempo atrasos nos pagamentos das nóminas e incumprimentos do convenio constantes por parte da empresa. O voceiro do BNG en Miño, Henrique Abraira, lembrou que "a escola infantil é de titularidade municipal" e demanda ao executivo de Ricardo Sánchez Oroza e o PP que poñan  solución á situación que desde hai tempo se rexistra neste servizo público municipal. “O goberno local está tardando moito en buscar unha solución a este tema”, lamenta o candidato nacionalista á alcaldía de Miño.

“Hai que garantir un servizo de calidade e a atención ás crianzas na escola infantil”, explica o nacionalista. “A situación que se rexistra esta tempada na escola infantil dista moito diso”, conclúe. “Cónstanos que hai familias de Miño que levan ás súas fillas a escolas infantís noutros concellos da contorna porque a escola municipal non garante un servizo de calidade”, abunda.

“O Concello ten que exixir a empresa un servizo de calidade e unhas condicións laborais dignas para as traballadoras”, engadiu. "Lamentablemente, sabemos que estes incumprimentos xa foron denunciados tanto diante da Inspección de Traballo como no Concello de Miño, quen non adoptou ningunha medida para obrigar a empresa concesionaria" engade Henrique Abraira.

Neste sentido, o nacionalista denunciou que a actual concesionaria da escola infantil "leva tempo sen contrato en vigor". O candidato do BNG á Alcaldía considera que "non é normal ter un servizo público sen contrato, toda vez que este e as prórrogas remataron hai tempo". "E polo que sabemos tamén está na mesma situación a empresa de servizos sociais", apunta.

"Hai problemas coa calidade do emprego nestes servizos e hai un problema serio coa calidade do propio servizo que se presta á veciñanza", advirte Henrique Abraira. O voceiro nacionalista reproba que "en todo este tempo o goberno local tan só xogou a gañar tempo en lugar de poñer solucións". "O BNG ten claro que hai que facer neste caso, temos claro que a prioridade é dar un servizo público de calidade, tanto na escola infantil como na asistencia social", conclúe.

Respaldamos onte a concentración das traballadoras da escola infantil A Ceboliña