Reclamamos a cesión de unha vivenda definitiva para Fátima e a súa filla

Dada a inxente cantidade de vivendas promovidas nos derradeiros anos (o 40% baleiras), non se entende que o Concello de Miño non teña ningunha vivenda social para caso de emerxencia como o de Fátima e a súa filla xa que só lles prometeron unha vivenda até xuño.

Reclamamos a cesión de unha vivenda definitiva para Fátima e a súa filla

Miño 26 de xaneiro de 2017. Dende o BNG de Miño queremos denunciar a desidia de goberno local no relativo ao desafiuzamento de Fátima e a súa filla.

Olalla Barro portavoz do BNG Asembleas abertas de Miño declarou “Fátima e a súa filla necesitan unha vivenda, non unha solución provisional de tres meses. Necesitan acompañamento, apoio psicolóxico e orientación en tan delicados momentos e non unha corporación que aparece ao seu lado só para a foto e para falar nos medios”.

Dende o BNG consideran que, dada a inxente cantidade de vivendas promovidas nos derradeiros anos (o corenta por cen baleiras), non se entende que o Concello de Miño non teña ningunha vivenda social para caso de emerxencia como o de Fátima e a súa filla xa que só lles prometeron unha vivenda até xuño. “Que van facer a partires de aí?, ¿como van sufragar o custe disparado das vivendas de Miño no período estival? A vivenda non é un luxo, é un dereito” , declarou Barro.

Dende o BNG de Miño queremos aproveitar para agradecer o apoio que están a recibir por parte de “Stop desafiuzamentos” da Coruña. Fan un labor encomiábel de maneira totalmente altruísta.