Preguntaremos no Parlamento as razóns polas que a Consellería de Turismo incluíu O Regueiro nunha campaña promocional de areais aptos para o surf

"Consideran razoábel promover o baño e actividades náuticas nunha praia pechada ao baño pola elevada concentración de bacterias fecais? Son conscientes do risco para a saúde que isto supón?”

Preguntaremos no Parlamento as razóns polas que a Consellería de Turismo incluíu O Regueiro nunha campaña promocional de areais aptos para o surf

Bergondo, 19 de xuño de 2019. O BNG preguntará no Parlamento polas razóns en base ás cales a Consellería de Turismo incluíu a bergondesa praia do Regueiro nunha campaña promocional de areais aptos para o surf. “A praia do Regueiro no concello de Bergondo está incluída no listado da Dirección Xeral de Saúde Pública de praias nas que está prohibido o baño" advirten as nacionalistas.

"Concretamente a praia do Regueiro leva desde o ano 2016 excluída destas analíticas por ter malos resultados durante 4 anos seguidos, e ten un cartel no que informa que non se recomenda o baño pola mala calidade da auga”, explican desde o BNG na iniciativa parlamentaria.

“Sen embargo, a Consellaría de Turismo incluíuna no proxecto "Galiza Surfing", unha campaña turística que promociona un itinerario de praias surfistas de Galiza" explican. "A Consellería de Turismo mesmo instalou unha táboa de surf na entrada desta praia para promover o surf na mesma”, engaden.

O BNG recorda que a praia está vedada ao baño desde hai anos " pola elevada concentración de bacterias fecais", que mesmo ten motivado a súa exclusión das zonas de baño do país desde hai anos.

"Cremos que é moi preocupante, e unha irresponsabilidade, promocionar como lugar idóneo para a práctica de deportes náuticos un areal pechado ao baño polo insalubre das súas augas", explican desde o BNG. "Con que criterio se fai esta inclusión, tendo en conta estes condicionantes?" pregúntanse.

Desde o BNG alertan do risco para a saúde humana que entraña o baño neste areal, como advirte a Dirección Xeral de Saúde Pública anualmente nos seus informes.  "Consideran razoábel promover o baño e actividades náuticas nunha praia pechada ao baño pola elevada concentración de bacterias fecais? Son conscientes do risco para a saúde que isto supón?”, cuestiónanse na súa iniciativa os nacionalistas.