Lamentamos a privatización da limpeza e mantemento das praias

A praia grande de Miño
A praia grande de Miño

O BNG lamenta que o goberno de Miño privatice o servizo de limpeza das praias do municipio durante os vindeiros meses de xullo e agosto e a súa concesión mediante un contrato negociado sen publicidade

Lamentamos a privatización da limpeza e mantemento das praias

Miño, 21 de xuño de 2017. O BNG lamentou que o goberno de Miño privatice o servizo de limpeza das praias do municipio durante os vindeiros meses de xullo e agosto. “O goberno de Oroza e o PP pretenden gastar 44804,69 euros (máis o 21% de IVE, en total máis de 54 000 euros) en contratar unha empresa privada para facer o que no noso concello sempre fixeron operarios municipais”, indicou a voceira do BNG, Olalla Barro.

Os nacionalistas cuestionan, tamén, que o goberno local decidise privatizar este servizo recorrendo a un contrato negociado sen publicidade. Advirten que, deste xeito, só poderán optar a facerse co contrato as firmas que previamente elixa o goberno local. “Ademais de non tratar a todos os posíbeis interesados en igualdade, desde logo é exactamente o contrario á transparencia que o alcalde insiste en atribuírse”, detallan, “ademais é un modelo de contratación onde non se teñen en conta ningún tipo de criterios sociais engadiron”.

“Ademais con este contrato redúcese o número de persoas contratadas, así que crea menos postos de traballo e precariza o servizo”, denunciaron dende o BNG.