Lamentamos que o goberno siga fiando a solución á situación económica á ampliación do prazo de devolución do crédito

As expropiacións de Costa Miño Golf provocaron en grande medida a millonaria débeda do Concello
As expropiacións de Costa Miño Golf provocaron en grande medida a millonaria débeda do Concello

O BNG-Asambleas abertas lamenta que o goberno de Miño continúe ca súa liña negacionista e traslade á cidadanía a falacia de que prorrogando o prazo de devolución do crédito de 12,5 millóns de euros o problema das arcas municipais está resolto.

Lamentamos que o goberno siga fiando a solución á situación económica á ampliación do prazo de devolución do crédito

Miño, 15 de maio de 2017. O BNG-Asambleas abertas lamenta que o goberno de Miño continúe ca súa liña negacionista e traslade á cidadanía a falacia de que prorrogando o prazo de devolución do crédito de 12,5 millóns de euros o problema das arcas municipais está resolto.

Desde o BNG-AA recordamos que Miño é o Concello máis endebedado de Galiza, cun nivel de débeda que sextuplica o máximo legal. A veciñanza de Miño debe quince millóns de euros a entidades bancarias (doce deles correspondente ao pago pola débeda principal das persoas expropiadas de Fadesa), outros tres millóns de euros correspondentes á devolución do canon urbanístico cobrado indebidamente de Monte Piñeiro, trece ás persoas expropiadas de Fadesa (por xuros de demora a favor das persoas expropiadas de Fadesa e sentenzas pendentes, débeda privada que recae sobre todos e todas nós pola decisión do goberno do PP de non pedir os avais correspondentes) e un millón de euros de xuros a favor do Estado polo préstamo dos doce millóns de euros.

“O culpábel de todo isto é o PP, o mesmo PP que lle deu o poder e mantén na cadeira ao alcalde, o mesmo PP co que está a gobernar Ricardo Sánchez Oroza e terá que exixir responsabilidades aos catro ou cinco concelleiros e concelleiras do PP, que provocaron esta situación que paguen do seu peto o que provocaron en lugar de obrigar a toda a veciñanza a pagalo do seus impostos e a costa dos seus servizos”

A pesar da situación de bancarrota, a pésima xestión segue. A estes 32 millóns de euros hai que engadir no pasado ano máis de douscentos mil € pola demora no pago do principal ás persoas expropiadas e outros trescentos mil € que gastaremos nun recurso que non vai prosperar. Recurso presentado contra a sentenza que exclúe ao Concello de Miño como acredor preferente na liquidación concursal de Fadesa, decisión xudicial motivada pola situación en concurso de acredores da empresa na firma do novo contrato co Concello en decembro de 2011, detalle obviado polo goberno do PP coas nefastas consecuencias descritas.

“A única alternativa é de unha vez por todas, admitir que a débeda ás persoas expropiadas é impagábel para a veciñanza de Miño, xulgar aos culpábeis e esixir á Xunta que asuma a súa responsabilidade como supervisora de todo o proceso desta xigantesca estafa. Nós non temos que pagar os pratos rotos da especulación urbanística”, indicou a portavoz do BNG-Asambleas abertas de Miño, Olalla Barro.

“Non ten sentido recordar as promesas incumpridas de realizar unha auditoría sobre esta estafa, nin o de iniciar un expediente de responsabilidade patrimonial contra quen provocaron esta situación, mais son promesas que no seu día fixo o actual alcalde”, abundou Olalla Barro. “O culpábel de todo isto é o PP, o mesmo PP que lle deu o poder e mantén na cadeira ao alcalde, o mesmo PP co que está a gobernar Ricardo Sánchez Oroza e a ese PP terá que exixir responsabilidades”, indicou a voceira do BNG. “Terá que exixirlles aos catro ou cinco concelleiros e concelleiras do PP que provocaron esta situación que paguen do seu peto o que provocaron en lugar de obrigar a toda a veciñanza a pagalo do seus impostos e a costa dos seus servizos”, concluíu.