Henrique Abraira encabezará a candidatura do BNG en Miño

Henrique Abraira encabezará a candidatura do BNG en Miño
Henrique Abraira encabezará a candidatura do BNG en Miño

“É fundamental que abandonemos a especulación urbanística que está acabando coa riqueza natural e patrimonial do noso concello e apostemos por potenciar os nosos sectores produtivos, como o marisqueo ou o agro coa potenciación das variedades autóctonas de Miño e a nosa comarca. Temos que cambiar o modelo turístico por un turismo sustentábel e prestar atención ás parroquias e aldeas do noso concello, totalmente abandonadas polo actual goberno”

Henrique Abraira encabezará a candidatura do BNG en Miño

Miño, 4 de outubro de 2018. O BNG ven de presentar o primeiro tramo da súa candidatura en Miño e que encabezará Henrique Abraira. “O noso obxectivo é conseguir rematar cun goberno do PP nefasto para Miño, que ten o concello nunha situación moi grave pola débeda e o desastre urbanístico que provocou no noso concello”, explicou o candidato nacionalista, Henrique Abraira.

Henrique Abraira vive na Pousadoira na parroquia de Callobre e traballa no LIGAL en Abegondo, onde é representante sindical da CIG. Foi elixido por unanimidade da asemblea local do BNG de Miño, e aproveitou para agradecer o traballo da súa anterior candidata, Olalla Barro,  que decide dar un paso atrás motivado por condicionantes persoais e laborais. Xunto con el participarán na candidatura do BNG, Ana Rial, Rosa Maseda, Marcos Abalde, José Medín e Paulo Filgueira que configurarán o primeiro tramo da candidatura nacionalista.

“O noso compromiso firme e rematar cun goberno do Partido Popular, que en solitario ou os últimos tres anos grazas ao pacto do actual alcalde, leva décadas apostando pola especulación urbanística que sumiu Miño nunha situación moi grave sen plan ningún para resolvela”, explicou Henrique A., candidato nacionalista.

“O BNG apostou durante os últimos anos por unha liña sería de traballo, pola transparencia e a democracia e participación no Concello, lonxe dos pactos movidos por intereses persoais e os enfrontamentos entre a veciñanza que caracterizaron o goberno municipal nos últimos tres anos. Presentámonos con toda a ilusión de recuperar a representación na corporación municipal e poder así ser útiles á veciñanza de Miño, propoñendo solucións e ideas para mellorar o noso concello”, engadiu o candidato á alcaldía.

O nacionalista esbozou tamén algunhas das liñas de traballo dos últimos anos para un cambio real imprescindíbel para Miño. “É fundamental que abandonemos a especulación urbanística que está acabando coa riqueza natural e patrimonial do noso concello e apostemos dunha vez por potenciar os nosos sectores produtivos, como o mar cun apoio decidido ao marisqueo a través do apoio á confraría de Miño, ou o agro a través da potenciación das variedades autóctonas de Miño e a nosa comarca. Temos que cambiar o modelo turístico por un turismo sustentábel que non ataque o noso medio natural e que garanta o futuro de Miño e prestar atención ás parroquias e aldeas do noso concello, totalmente abandonadas polo actual goberno”, explicou o portavoz nacionalista.

Desde o BNG convidaron a toda a veciñanza a sumarse ao seu grupo de traballo que con ilusión e propostas concretas propón un cambio real para o concello. “No BNG temos un modelo de concello, que está comprobado alí onde gobernamos que funciona e que sabemos que é o cambio que Miño precisa, para deixar de ser o concello do desastre urbanístico e a débeda desorbitada e pasar a ser coñecido polos nosos valores naturais e patrimoniais”, engadiu. “Miño é un concello precioso, unha vila mariñeira que moitos de nós, aínda non nacendo en Miño eliximos para vivir e que entre todas as veciñas e veciños temos que apostar por sacar adiante”, concluíu.