Denunciamos un vertido da rede de saneamento en Ansimonde (Miño)

Imaxe do vertido
Imaxe do vertido

Segundo informaron as nacionalistas este vertido vense producindo dende hai polo menos 15 días, sen que polo de agora a veciñanza teña recibido explicación ningunha do goberno local.

Denunciamos un vertido da rede de saneamento en Ansimonde (Miño)

Miño, 13 de abril de 2017. O BNG-Asembleas abertas de Miño denunciou hoxe un vertido da rede de saneamento en Ansimonde. “Semella que o bombeo situado en Santa Uxía que da servizo ao lugar de Ansimonde non está funcionando ou está apagado e a través do aliviadoiro estanse vertendo directamente á cuneta augas residuais”, explicou a portavoz do BNG-Asembleas abertas de Miño, Olalla Barro.

Segundo informaron as nacionalistas este vertido vense producindo dende hai polo menos 15 días, sen que polo de agora a veciñanza teña recibido explicación ningunha do goberno local. “Pensamos que o goberno local ten que explicar porqué se está vertendo directamente augas fecais, se pensa actuar para solucionalo e en que prazos o vai facer”, engadiu a voceira do BNG-AA.

“As augas residuais saen dun tubo que deixaron canalizado pola cuneta e que fai as funcións de aliviadoiro do bombeo para cando hai algún problema de funcionamento, e que termina despois dunha importante baixada no rio Lambre”, informaron as nacionalistas.

Dende o BNG-AA demandaron do goberno local información e solucións aos problemas de funcionamento da rede de saneamento, xa que non é a primeira vez que se producen vertidos temen favorecido polo deficiente estado das depuradoras debido a falta de mantemento  ou a sobrecarga de residuos a que están expostas sobre todo no verán polo aumento da poboación.