Celebramos un coloquio en Miño sobre a situación na escola infantil municipal

20190509_195035 (1)

Cremos que o Concello ten que dar un servizo público de calidade e desde logo esa será unha das nosas prioridades no goberno”

Celebramos un coloquio en Miño sobre a situación na escola infantil municipal

Miño, 9 de maio de 2019. O BNG celebrou este serán un encontro público sobre a situación na Escola Infantil A Ceboliña e as alternativas nacionalistas para mellorar este servizo. No acto participou Ana Rial, número dous da candidatura do BNG e exusuaria da escola infantil, o representante da CIG-Ensino Enrique García e traballadoras da propia escola infantil.

Rial incidiu en que “urxe poñer unha solución á situación que atravesa desde hai tempo este servizo esencial para poder conciliar a vida laboral e familiar”. Neste sentido, recordou que o BNG aposta por recuperar a xestión municipal directa para garantir a calidade no servizo e a estabilidade do cadro de persoal.

Hai que garantir un servizo de calidade e a atención ás crianzas na escola infantil”, explica a nacionalista. “A situación que se rexistra esta tempada na escola infantil dista moito diso”, conclúe. “Cónstanos que hai familias de Miño que levan ás súas fillas a escolas infantís noutros concellos da contorna porque a escola municipal non garante un servizo de calidade”, abundou.

"O BNG ten claro que hai que facer neste caso, temos claro que a prioridade é dar un servizo público de calidade, tanto na escola infantil como na asistencia social", explicou Ana Rial. “Cremos que o Concello ten que dar un servizo público de calidade e desde logo esa será unha das nosas prioridades no goberno”, afirmou a candidata do BNG.

Desde a CIG-Ensino recordaron que os numerosos incumprimentos do contrato xa foron denunciados tanto diante da Inspección de Traballo como no Concello de Miño, quen non adoptou ningunha medida para obrigar a empresa concesionaria. Ademais, as traballadoras da escola infantil recordaron igualmente que hai problemas coa calidade do emprego nestes servizos e hai un problema serio coa calidade do propio servizo que se presta á veciñanza.

O acto acabou cun coloquio entre os intervintes e o público asistente.

Celebramos un coloquio en Miño sobre a situación na escola infantil municipal