O BNG de Miño exixe unha homenaxe institucional para a mestra feminista María Vázquez Suárez

María Vázquez Suárez

O BNG de Miño exíxelle a Jesús Veiga Sabín que acuda este sábado 25 de outubro á homenaxe institucional que vai ser realizada na Casa da Cultura de Sober ás vítimas do franquismo. Neste acto vai ter un especial protagonismo o recordo de María Vázquez Suárez, militante feminista e mestra no concello de Miño durante a República

O BNG de Miño exixe unha homenaxe institucional para a mestra feminista María Vázquez Suárez

Miño, 22 de outubro de 2014. O BNG de Miño exíxelle a Jesús Veiga Sabín que acuda este sábado 25 de outubro á homenaxe institucional que vai ser realizada na Casa da Cultura de Sober ás vítimas do franquismo. Neste acto vai ter un especial protagonismo o recordo de María Vázquez Suárez, militante feminista e mestra no concello de Miño durante a República. O BNG de Miño reclámalle que tome exemplo dos seus compañeiros do PP de Sober e leve ao pleno do concello de Miño un acordo para celebrar unha homenaxe institucional a María Vázquez Suárez e ao conxunto das vítimas do franquismo do noso concello, que segundo os datos do proxecto interuniversitario "Nomes e voces" ascende a máis de 90 persoas.

Recentemente o PP de Galiza condenou no Parlamento galego a ditadura franquista, o BNG de Miño espera que esta declaración non sexa un retoricismo oco e confia nas profundas convicións democráticas de Jesús Veiga. Por todo isto, o BNG de Miño insta ao PP a realizar un acto semellante no noso concello, como primeiro paso para reparar a memoria das vítimas do franquismo. Jesús Veiga debe aprender dos seus compañeiros do PP de Sober e na medida das súas posibilidades subsanar o abandono institucional que sofren as vítimas da represión franquista como ten sinalado Pablo de Greiff no seu relatorio presentado o pasado mes de setembro no Consello de Dereitos Humanos da ONU.

Esta pedagoga foi unha firme defensora dos dereitos da muller e a defensa da súa participación na vida política, motivos polos que foi asasinada en 1936.

Retrato de María Vázquez Suárez

María Vázquez Suárez naceu en Sober. En 1929 consegue a praza da escola nº2 de Miño, que fora fundada un ano antes. Os seus novos veciños atopan na mestra unha muller receptiva e sensíbel. Frecuenta nos anos trinta os cursos de perfeccionamento da prestixiosa pedagoga galega María Barbeito, responsábel da introdución en Galiza do método Montessori. Esta adhesión aos novos métodos pedagóxicos lévana a realizar diferentes saídas escolares como ao Monumento dos Mártires de Carral, diante do cal as alumnas entoaron o himno galego. Paralelamente ao seu labor docente, María Vázquez Suárez desenvolverá nesta época un incesante labor político nas filas do socialismo. A súa primeira intervención nun acto político tivo lugar en setembro de 1932, sendo a primeira muller que falou en público en Miño. A partir de entón participará nunha intensa campaña de mitins e actos agrarios.

O seu retrato político non quedaría completo sen unha referencia ao seu firme compromiso cos dereitos da muller e a defensa da súa participación na vida política. Xunto á educación, éste é un dos temas recurrentes nos mitins onde participa. A mestra estivo en contacto, ademáis, co asociacionismo femenino de signo republicano como a Liga Internacional de Mujeres Ibéricas e Hispano- Americanas ou a Agrupación Femenina Republicana. En Agosto de 1936, foi detida no cárcere de Pontedeume e posteriormente torturada e asasinada. O informe anexo da Garda Civil na causa 925/37 afirma que o cadáver de María Vázquez Suárez apareceu na praia de Bañobre "como consecuencia de heridas de bala". A súa casa foi saqueada e a biblioteca queimada.

O BNG de Miño exixe unha homenaxe institucional para a mestra feminista María Vázquez Suárez