O BNG considera o plan de axuste unha nova hipoteca para Miño que vai saír do peto de todas nós

O BNG-Asembleas abertas de Miño está en contra de acollerse ao Fondo de Impulso Económico que acaba de aprobar o pleno. “Este fondo que concede o Estado é a cambio de impor recortes en servizos básicos en contra dos intereses da maioría social”

O BNG considera o plan de axuste unha nova hipoteca para Miño que vai saír do peto de todas nós

Miño, 30 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas abertas de Miño está en contra de acollerse ao Fondo de Impulso Económico que acaba de aprobar o pleno. “Este fondo que concede o Estado é a cambio de impor recortes en servizos básicos en contra dos intereses da maioría social”, explicou Olalla Barro. “Este fondo vai significar hipotecar o concello máis dunha década e implica aplicar un plan de axuste neoliberal que vai saír do peto de todos e todas nós”.

O BNG non vai asumir que sexan os veciños e veciñas de Miño quen paguen os pratos rotos da especulación urbanística. Os afectados de Fadesa teñen que cobrar, mais non á custa de recortes contra toda a veciñanza de Miño. Unha débeda privada non pode converterse en pública e menos reducida a un conxunto de poboación tan reducido como é o de Miño.

A Xunta debera asumir a súa responsabilidade e financiar a débeda xa que aprobou o Plan que a provocou

Lamentamos que este novo atraco propiciado polo PP conte agora coa complicidade do concelleiro do grupo mixto Ricardo Sánchez e co consentimento do PSOE. Dubidamos que esta sexa a mellor opción para lle facer fronte á sentenza de Fadesa. Como máximo propón pedir o 20% da débeda e esta vai continuar a xerar xuros. Segundo esta proposta, Miño vai ficar intervido até o 2025. Isto significa que o noso concello vai deixar de ter capacidade de decisión durante dez anos.

“Acollerse a este crédito é unha nova fuxida para adiante para evitar encarar o problema político que a estafa de Fadesa supón. Parécenos unha vergoña a falta de transparencia e participación coa que o actual alcalde está a traballar”, indicou Barro. “Co agravante que ten este pleno ao tomar unha medida que vai condicionar a economía do concello durante unha década, unha medida que non apareceu no programa de ningún partido e que a maioría das veciñas e veciños do municipio descoñece as consecuencias catastróficas que vai ter. Ademais aínda está pendente a urbanización de Monte Piñeiro que, de non levarse a cabo, pode acarrear ás arcas municipais indemnizacións superiores ás de Fadesa”.

O goberno local ten que tomar medidas penais contra os responsábeis desta situación e facer que paguen polas súas decisións

A estafa de Fadesa adquiriu unhas dimensións que un concello como Miño non pode afrontar, por iso o BNG-Asembleas abertas exíxelle á Xunta que asuma a súa responsabilidade por propiciar este gravísimo desfase en tesoureria ao ter aprobado este macroproxecto urbanístico, sendo cómplice dun modelo urbanizador depredador, inxusto e devastador. É a Xunta quen debe facerse cargo desta débeda millonaria. É imposíbel pagar unha débeda de 25 millóns de euros xerando como moito 400.000 euros/ano recortando gastos imprescindíbeis sen un plan extraordinario doutras administracións.

O goberno municipal tamén debe exixir responsabilidades penais a Juan Maceiras, Jesús Veiga, Juan Herva, Carlos Abal e todos os compinches desta trama. Que dean a cara e respondan co seu patrimonio persoal ante esta toma de decisións suicida. Non esquecemos que até o último minuto Jesús Veiga estivo a mentir e a gabarse da boa situación financeira en que se atopaba o concello.

O BNG- Asembleas abertas de Miño vai acudir ao Valedor do Pobo para non consentir este novo saqueo ao noso concello. Despois de décadas de despilfarro, o PP, o PSOE e o concelleiro do grupo mixto queren impor décadas de recortes. Este malchamado "Fondo de Impulso Económico" é o enésimo impulso para afundir a economía dos veciños e veciñas de Miño.