O BNG cuestiona a contratación dunha auditoría que avalie a situación do Concello

Olalla Barro é a portavoz do BNG en Miño
Olalla Barro é a portavoz do BNG en Miño

O BNG-Asembleas abertas criticou o anuncio feito polo alcalde Ricardo Sánchez Oroza de contratar unha auditoría a unha empresa externa que permita valorar a situación económica do Concello. “A proposta parécenos que supón unha privatización do servizo cando o concello conta con funcionarios preparados para facer dita valoración

O BNG cuestiona a contratación dunha auditoría que avalie a situación do Concello

Miño, 01 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas abertas criticou o anuncio feito polo alcalde Ricardo Sánchez Oroza de contratar unha auditoría a unha empresa externa que permita valorar a situación económica do Concello. “A proposta parécenos que supón unha privatización do servizo cando o concello conta con funcionarios preparados para facer dita valoración”, declarou Olalla Barro, voceira do BNG Asembleas Abertas de Miño.

Olalla Barro, voceira do BNG Asembleas Abertas de Miño, declarou que a idea de contratar unha empresa externa para facer unha auditoría do concello supón de entrada a privatización dun servizo que poderían facer perfectamente o funcionariado do concello. Loxicamente esta empresa contratada vai cobrar polos seus servizos a un concello como o de Miño que esta arruinado polas políticas urbanísticas suicidas dos últimos anos.

“A proposta de contratar unha auditoría a unha empresa externa parécenos que supón unha privatización do servizo cando o concello conta con funcionarios preparados para facer dita valoración”

Olalla Barro tamén declarou que Miño é un concello pequeno, por tanto, contratar unha empresa externa supón tirar cos cartos nun concello que se atopa nunha situación económica gravísima e con boa parte da veciñanza ao borde da exclusión social. “As posíbeis irregularidades sobre a xestión do caso Fadesa xa foron avaliadas polo Tribunal de Xustiza de Galiza condenando o concello a facer fronte a unha débeda de máis de 20 millóns de euros polas expropiacións da macrourbanización de Costa Miño Golf” engadiu.

“É preciso clarificar as responsabilidades penais das persoas que meteron a Miño neste abismo económico, que son as mesmas persoas coas que Ricardo Sánchez tentou pactar hai unha semana”

Se Ricardo Sánchez xa se esqueceu, recordámoslle que foi o PP o responsábel desta desfeita e en concreto Jesús Veiga quen non exixiu aval ningún a Fadesa, convertendo o concello en responsábel subsidiario” lembran desde o BNG- Asembleas abertas. “Hai unha sentenza xudicial firme que cómpre enfrontar, mais tamén é preciso clarificar as responsabilidades penais das persoas que meteron a Miño neste abismo e que son as mesmas persoas coas que Ricardo Sánchez tentou pactar hai unha semana” conclúe a nacionalista.