Reclamamos información sobre a calidade da auga en Perbes e solucións reais

Cartaz recomendando non bañarse na praia de Perbes
Cartaz recomendando non bañarse na praia de Perbes

“Simplemente con unha búsqueda dos datos na web do Ministerio calquera pode ver que nos dous últimos meses de agosto a presencia de bacterias fecais na auga da praia de Perbes se disparou. Non se trata dun episodio puntual nin da limpeza dun barco” como afirma o goberno local. 

Reclamamos información sobre a calidade da auga en Perbes e solucións reais

Miño, 4 de agosto de 2016. O BNG-AA exixiu ao goberno que informe á veciñanza da situación da calidade da auga na praia de Perbes e nas demais praias do Concello e medidas reais para solucionar esta situación. “Simplemente con unha búsqueda dos datos na web do Ministerio calquera pode ver que nos dous últimos meses de agosto a presencia de bacterias fecais na auga da praia de Perbes se disparou. En agosto do 2014 chegando a 320 nmp/100 ml para ecoli e a 250 nmp/100 ml para enterococos, no ano 2015 a presenza destas bacterias nas analíticas de agosto foi aínda máis elevada chegando a 500 nmp/100 ml para ecoli e a 300 nmp/100ml para enterococos, efectivamente non se trata dun episodio puntual nin da limpeza dun barco”, explicou Olalla Barro, portavoz do BNG-AA.

As nacionalistas explicaron que “está media Ría pechada ao baño pola contaminación da auga por bacterias fecais -a praia das Delicias en Sada, parte de Gandarío e o Regueiro en Bergondo- e efectivamente cada ano a calidade da auga é peor se non se toman medidas para garantir o saneamento das augas residuais e se seguen permitindo os vertidos directos á Ría”.

“No caso do noso concello, a depuradora está saturada e cando aumenta a poboación porque se ocupan as vivendas que están baleiras durante o inverno ven sendo habitual que diminúa a calidade da auga nas zonas de baño. Non se trata de algo puntual, e reclamamos ao Concello un pouco de seriedade e propostas concretas para solucionar esta situación”, indicou a voceira nacionalista.

Desde o BNG-AA consideran que unha análitica encargada a unha empresa privada pode non ser o método máis fiábel para coñecer a situación real da auga nas praias do noso Concello. “Pedimos ao goberno local sinceridade e propostas reais e que deixen de intentar enganar á veciñanza. Estas son as consecuencias dun modelo urbanístico completamente insostíbel e teremos que intentar buscar solucións entre todas e, sobre todo, non seguir afondando nese modelo que destroza o noso medio”, concluíu Barro.