O alcalde debería dimitir pola súa xestión “lamentábel” na contratación de socorristas

 O BNG-AA pediu hoxe a dimisión do alcalde e do Concelleiro responsábel de persoal Agustín Andrés despois de que a Asociación de Educación ambiental e do Consumidor retirara ao Concello as bandeiras azuis pola falta de socorristas nas praias. O alcalde debería dimitir pola súa xestión “lamentábel” na contratación de socorristas

O alcalde debería dimitir pola súa xestión “lamentábel” na contratación de socorristas

Miño, 11 de xullo de 2016. O BNG-AA pediu hoxe a dimisión do alcalde e do Concelleiro responsábel de persoal Agustín Andrés despois de que a Asociación de Educación ambiental e do Consumidor retirara ao Concello as bandeiras azuis pola falta de socorristas nas praias. O alcalde debería dimitir pola súa xestión “lamentábel” na contratación de socorristas, explicou a portavoz nacionalista, Olalla Barro.

“A xestión do goberno local de Ricardo Sánchez Oroza e o Partido Popular está sendo vergoñenta e parécenos ademais incomprensíbel xa que falamos do PP que leva gobernando Miño un montón de anos e polo tanto non son novos nin inexpertos. O único que vemos en Miño é ao alcalde facendo publicidade continuamente de cada mínima cousa que fai e un goberno paralizado cunha falta de interese absoluta por ser útil á veciñanza”, criticou Barro, “é inmoral cobrar cartos públicos por esta xestión lamentábel”.

Desde o BNG-AA pediron a dimisión do alcalde e do concelleiro de persoal e “unha solución inmediata a esta situación para garantir uns servizos mínimos nas praias e a seguridade da veciñanza e visitantes”, concluíu a voceira nacionalista.