Olalla Barro: "A xestión do goberno municipal no tocante ás praias é lamentábel"

As nacionalistas denuncian que “mentres para dispendios como as casetas de segunda man rotuladas o goberno de dereitas atopa cartos, para a seguridade de miñenses e visitantes non se inviste o necesario”.“Para este goberno son máis importantes as cuestións estéticas, uns casetos rotulados no areal, que as necesidades e dereitos básicos das persoas, como o dereito á saúde, ao medio ambiente e á propia seguridade”

Olalla Barro: "A xestión do goberno municipal no tocante ás praias é lamentábel"

Miño, 8 de xullo de 2016. O BNG-AA lamentou a xestión do goberno municipal de Miño no tocante ás praias do municipio. As nacionalistas denuncian que “mentres para dispendios como as casetas de segunda man rotuladas o goberno de dereitas atopa cartos, para a seguridade de miñenses e visitantes non se inviste o necesario”.

A voceira do BNG en Miño, Olalla Barro, cuestiona que “a seguridade e a hixiene son secundarias para o goberno dos recortes” lamentando que non se contratasen en tempo a limpeza e o servizo de socorrismo nas praias da localidade, e aínda hoxe o alcalde anunciara que empezarán a traballar 4 dos 13 socorristas que precisan as praias de Miño e que sigamos sen persoal para os aseos públicos ou a limpeza das praias.

Sobre este último, as nacionalistas cuestionan que Miño, “cun alcalde que dicía ser a verdadeira esquerda”, ofreza as peores condicións laborais para os socorristas de toda a comarca. “Pasáronse de máis precarizando o servizo e o resultado é que ninguén se presentou”, engade.

“Xa sabemos que as persoas somos o último nas prioridades deste goberno, mais cada día temos unha evidencia nova do desleixo e abandono ao que estamos sometidas as persoas que aquí vivimos”, explica Barro. “Para este goberno son máis importantes as cuestións estéticas, uns casetos rotulados no areal, que as necesidades e dereitos básicos das persoas, como o dereito á saúde, ao medio ambiente e á propia seguridade”, engade.

“Xa que é tan dado á publicidade, igual non estaba de máis lembrarlle ao goberno local que está a facer publicidade enganosa coa praia”, ironiza Barro, que indica que a falta de socorristas é motivo suficiente para que a Miño lle retiren a bandeira azul. “A bandeira azul só quere dicir que o areal ten duchas, socorristas e outros servizos, non implica que a auga sexa boa para o baño, pero é que ademais dunha mala calidade da auga non hai os servizos que están a anunciar” conclúe.

A mala calidade da auga de baño é o principal problema das praias

Desde o BNG advirten que “malia todo isto, o principal problema das praias de Miño segue a ser a calidade da auga”. A voceira nacionalista chama a atención sobre o feito de que, un verán máis, a depuradora está completamente saturada.

Aseguran que a parte interior da praia, contra a ría do Baxoi, está pechada ao baño e marisqueo debido á contaminación por augas fecais. “Calquera veciño sabe que en verán a depuradora non dá para máis, hai que pór solución a isto antes de encher a praia de casetas ou ir de viaxe a promocionala por aí” sosteñen. Por este motivo, demandan ao goberno local que busque solucións.