Votamos en contra do orzamento municipal de Coirós no que o goberno non aceptou ningunha das nosas alegacións

O BNG votou no Pleno de onte en contra do orzamento municipal para o vindeiro ano, logo de que o PP decidira non aceptar ningunha das alegacións presentadas polo grupo nacionalista para mellorar o documento. As nacionalistas explicaron que se trata dun orzamento elaborado de forma completamente opaca, sen pedir achegas de ningún grupo político nin asociación, e clientelar

Votamos en contra do orzamento municipal de Coirós no que o goberno non aceptou ningunha das nosas alegacións

Coirós, 27 de decembro de 2018. O BNG votou no Pleno de onte en contra do orzamento municipal para o vindeiro ano, logo de que o PP decidira non aceptar ningunha das alegacións presentadas polo grupo nacionalista para mellorar o documento. As nacionalistas explicaron que se trata dun orzamento elaborado de forma completamente opaca, sen pedir achegas de ningún grupo político nin asociación, e clientelar. “Como todos os anos o Alcalde, reserva 6000 euros de “libre disposición” para adxudicar a súa vontade. Nas nosas emendas pedirmos suprimir esta partida pensada para facer “mercadeo de vontades” con cartos públicos e crear unha nova partida con esta cantidade para adherir Coirós ao transporte metropolitano e para elaborar un estudo sobre a posibilidade de implementar un servizo de transporte público entre as diferentes parroquias do municipio”, explicou Sonia López, concelleira do BNG.

“Pedimos que o concello elimine gastos superfluos do gasto corrente para facer un esforzo en investimento para reservar crédito para un estudo para elaboración de saneamento descentralizado con balsas de filtro vexetal nos núcleos que aínda carecen deste servizo e tamén para iniciar os trámites para dotármonos dun punto limpo supramunicipal con concellos limítrofes”, engadiu a concelleira nacionalista.

O BNG tamén pedía nas súas alegacións que se recortara o crédito para subvencións nominativas, que se adxudican “a dedo” e que se ordenen as subvencións mediante un Plan de subvencións e unha convocatoria en libre concorrencia, como recolle a Lei de Subvencións. “Dado que o orzamento prevé unha cantidade de 16.850 euros para subvencións nominativas, é evidente que a regra xeral empregada na redacción do orzamento é o que a Lei prevé como excepcional”, criticou a concelleira nacionalista.

“Ademais como todos os anos, desde que o propuxera o BNG resérvanse 12 mil euros no capítulo IV transferencias correntes para axudas de emerxencia en caso de vítimas de violencia machista que non se gastaron nin tan sequera unha parte ningún ano desde que se aprobou. Solicitamos que unha parte deses 12 mil euros vaian ao capítulo II de gasto corrente para levar a cabo unha campaña de concienciación contra comportamentos machistas e contra a violencia de xénero no noso concello”, explicou Sonia López.  

Bolsas para transporte e estudo e axudas por nacementos con criterios sociais

O BNG criticou que non se teñan en conta criterios sociais na distribución das bolsas de estudos e transporte ou axudas polo nacemento de fillos e fillas. “Se a filla de Amancio Ortega vivise en Coirós cobraría o mesmo por estas axudas que unha persoa desempregada, e isto é o que nos parece que é inxusto. As bases que acompañaban ao orzamento son inxustas e arbitrarias, porque non teñen en conta a capacidade económica dos pais e nais ou as necesidades das persoas estudantes que as solicitan”, engadiu a portavoz nacionalista.

“Solicitamos que estas axudas se reformulen atendendo a criterios sociais para garantir que o uso dos fondos públicos resulta útil á veciñanza que máis o precisa e polo tanto que se redacten unhas novas bases cunhas axudas en función do nivel de renda e por tramos de ingresos”, concluíu.