PROPOMOS TAMÉN A CREACIÓN DUNHA BOLSA DE VIVENDAS BALEIRAS PARA ALUGUER OU VENDA E POÑER EN VALOR AS VIVENDAS ABANDONADAS E AO MESMO TEMPO MANTER AS ALDEAS HABITADAS E EN BO ESTADO DE CONSERVACIÓN

Solicitamos a creación dun servizo de información e axuda para a tramitación das subvencións para a rehabilitación de vivendas

Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós
Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós

“Vimos de rexistrar unha moción que propón crear, en conxunto con concellos da contorna, un servizo de información, asesoramento e axuda para a tramitación das subvencións que se habiliten para a adquisición, reparación ou rehabilitación de vivendas no medio rural

Solicitamos a creación dun servizo de información e axuda para a tramitación das subvencións para a rehabilitación de vivendas

Coirós, 5 de febreiro de 2019. O BNG de Coirós solicita a creación dun servizo de información e axuda para a tramitación das subvencións para a rehabilitación de vivendas. “A vivenda é un ben básico e ten unha función social. Todas as persoas teñen dereito a unha vivenda digna, mais na sociedade actual este dereito dista moito de garantirse e a vivenda habitual leva unha parte importante dos recursos económicos familiares. Mercala, construíla, acondicionala e mantela nun estado que garanta unha boa calidade de vida, e incluso a nosa boa saúde, é unha cuestión que sobrepasa o ámbito particular, é unha cuestión social e de saúde publica”, afirma a portavoz nacionalista Pura Ferreño.

“Ademais manter os núcleos rurais en bo estado e habitados é unha cuestión que tamén debe preocupar ao goberno municipal, pois influirá positivamente á hora de manter as aldeas fermosas e vivas e así atraer e fixar poboación”, engadiu a portavoz do BNG.

Destaca tamén Pura Ferreño que “nas vivendas de certa antigüidade o importe das reparacións dificulta que as persoas propietarias poidan acometer as melloras necesarias. Nestes casos acadan grande importancia as axudas publicas e que as propietarias e propietarios teñan coñecemento e acceso a elas en tempo e forma”.

O grupo municipal do BNG en Coirós ven de rexistrar unha moción que propón crear, en conxunto con concellos da contorna, un servizo de información, asesoramento e axuda para a tramitación das subvencións que se habiliten para a adquisición, reparación ou rehabilitación de vivendas no medio rural.

Bolsa de vivendas baleiras

O BNG propón tamén a creación dunha bolsa de vivendas baleiras para aluguer ou venda e, deste xeito, poñer en valor as vivendas abandonadas e ao mesmo tempo manter as aldeas habitadas e en bo estado de conservación.