Resume do Pleno de Coirós do 8 de novembro de 2017

Pura Ferreño e Sonia López no Pleno en Coirós
Pura Ferreño e Sonia López no Pleno en Coirós

Contamos có apoio de toda a corporación na proposta de iniciar tramites cós concellos limítrofes para solicitar un punto limpo que nos axude a mellorar a xestión do lixo. Foi aprobada tamén a moción de apoio ás traballadoras de Universal Suport. Lamentablemente o grupo municipal do Partido Popular non admitiu a nosa proposta para demandar de novo da Consellaría de Medio Ambiente a adhesión de Coirós ao Plan de transporte Metropolitano nin para facilitar unha entrada cara a Queirís de Abaixo a través do desvío do Mende

Resume do Pleno de Coirós do 8 de novembro de 2017

O BNG levou a este pleno múltiples propostas, algunhas de ámbito local e outras de interese xeral. As respostas do grupo do Partido Popular foron dispares e, moitas veces, pobres de argumentos.

Contamos có apoio de toda a corporación na proposta de iniciar tramites cós concellos limítrofes para solicitar un punto limpo que nos axude a mellorar a xestión do lixo. Inclúe esta moción  realizar campañas de información e concienciación para facer bo uso deste novo servizo e tamén reducir a fracción orgánica que enviamos ao contedor e que suporía unha redución importante do custe que pagamos a Sogama (empresa que se encarga da recollida e xestión do lixo en Coirós)

Foi aprobada tamén a moción de apoio ás traballadoras de Universal Suport (Centro de atención telefónica do antigo Banco Pastor) situado no polígono de Bergondo. Alí 270 persoas agardan as decisión do Banco Santander sobre o seu futuro despois da absorción do Banco Popular. Contamos no pleno con unha representación de persoal da empresa que agradeceu o apoio recibido.

Foi tamén refrendada a moción nacionalista arredor do 25 de novembro, dia contra a violencia contra as mulleres. Nela o BNG reclama, entre outras cuestión, que se avance na concreción do pacto galego contra a violencia machista dedicando o 1% do orzamento da Xunta para 2018 á prevención e loita e incremento de medios e recursos xudiciais e asistenciais.

Lamentablemente o grupo municipal do Partido Popular non admitiu a nosa proposta para demandar de novo da Consellaría de Medio Ambiente a adhesión de Coirós ao Plan de transporte Metropolitano. Este asunto xa fora aprobado en pleno, a proposta do BNG, no ano 2015. Mais desde entón nada se ten avanzado có conseguinte prexuízo para as persoas usuarias do transporte público.

E finalmente, despois de dar mostras dun absoluto desprezo polo traballo e as propostas da oposición, as concelleiras e concelleiros do PP tamén votaron en contra da nosa demanda de melloras na seguridade na estrada N-VI para facilitar unha entrada cara a Queirís de Abaixo a través do desvío do Mende.

O grupo municipal do BNG ten solicitado ao Concello permiso para utilizar a Escola de Queirís para unha charla informativa sobre o tema da seguridade viaria naquela zona. Polo que puidemos comprobar no pleno, non vemos intención do goberno de deixarnos utilizar este nin ningún outro local para facer o noso traballo de atención ás demandas veciñais.