Preguntamos pola posíbel redución de frecuencias e paradas no servizo publico de bus que atende Coirós

“Esta redución do servizo ocasionaría graves prexuízos para as persoas que habitualmente utilizan este medio de transporte para desprazarse a localidades veciñas, nomeadamente Betanzos, mais tamén á Coruña ou en sentido Lugo”

Preguntamos pola posíbel redución de frecuencias e paradas no servizo publico de bus que atende Coirós

Coirós, 30 de novembro de 2017. Recentemente varias persoas usuarias do transporte público rodoviario en Coirós, atendido pola empresa Arriva, teñen manifestado a súa inquedanza por un posible recorte nos servizos.

A información recibida refírese a posibles recortes nas liñas ou nas paradas. “Esta redución do servizo ocasionaría graves prexuízos para as persoas que habitualmente utilizan este medio de transporte para desprazarse a localidades veciñas, nomeadamente Betanzos, mais tamén á Coruña ou en sentido Lugo” indica a portavoz nacionalista Pura Ferreño.

Estes desprazamentos fanse por cuestións laborais mais tamén para realizar trámites nas administracións públicas, asuntos económicos e tamén sanitarios. Non esquezamos que o Hospital Universitario da Coruña é o centro de referencia para esta comarca.

Dada a importancia do asunto, e que xa noutras localidades veciñas se fixeron intentos de reducir os servizos, o BNG ven de presentar unha serie de preguntas diante do goberno municipal sobre o tema.

“É imprescindible que o Concello de Coirós teña información precisa do que está a preocupar ás persoas usuarias do servizo e que contacte coa empresa para aclarar ben a situación. Así mesmo deberá tomar as medidas pertinentes para evitar unha merma na frecuencia e calidade do servizo de transporte público que temos agora mesmo en Coirós” manifesta a concelleira do BNG.