Reclamamos melloras na seguridade viaria na N-VI cunha andaina reivindicativa en Coirós

“A seguridade viaria na estrada N-VI depende do Estado, e ademais de que é surrealista que teñan que decidir en Madrid sobre un problema de seguridade viaria en Coirós, temos un problema moito máis grave que é que ninguén se ocupou estes anos de trasladar esta problemática que sufrimos a diario os veciños e veciñas”

Reclamamos melloras na seguridade viaria na N-VI cunha andaina reivindicativa en Coirós

Coirós, 13 de abril de 2019. O BNG reclamou hoxe melloras na seguridade viaria na estrada N-VI, cunha andaina reivindicativa que comezou en Coirós de arriba enfronte do Concello e rematou no conflitivo cruce de Queirís. “A seguridade viaria na estrada N-VI depende do Estado, e ademais de que é surrealista que teñan que decidir en Madrid sobre un problema de seguridade viaria en Coirós, temos un problema moito máis grave que é que ninguén se ocupou estes anos de trasladar esta problemática que sufrimos a diario os veciños e veciñas”, explicou a portavoz do BNG de Coirós e candidata á alcaldía Pura Ferreño.

Á marcha acudiu tamén Cristina López, responsábel comarcal do BNG e candidata ao Congreso e militantes e simpatizantes do BNG así como veciños e veciñas de Coirós. “No BNG trasladamos os problemas de seguridade viaria no cruce de Queirís ao Congreso con múltiples iniciativas cando tivemos presenza, mais a realidade é que, a pesar das promesas, tanto PP como despois o PSOE nesta lexislatura non fixeron nada para solucionar este problema que os veciños e veciñas vimos sufrindo diariamente desde hai anos”, indicou Ferreño.

Desde o BNG comprómeteronse a volver a trasladar a voz da veciñanza en Madrid a partir do vindeiro 28 de maio e de loitar por conseguir a tan agardada obra no punto negro do cruce de Queirís.

Unha lexislatura perdida para a seguridade viaria en toda a comarca

“A estrada N-VI ten moitos puntos conflitivos para os que levamos anos reclamando solucións en moitos concellos da comarca como en Bergondo, no Espiritu Santo onde o alumnado e mestres do CFEA reclaman unha pasarela para poder cruzar con seguridade, en Guísamo ou en Cortiñán. Mais tamén en Betanzos na Angustia, en Aranga na Castellana, e por suposto en Coirós. Esta foi unha lexislatura perdida porque a voz dos veciños e veciñas da comarca non se escoitou en Madrid e nin PP nin PSOE investiron para garantir a seguridade dos peóns e dos condutores”, engadiu a candidata nacionalista ao Congreso e responsábel comarcal do BNG, Cristina López.