Reclamamos a correcta sinalización dos lugares e parroquias de Coirós

coiros-recalificara

O BNG ven de presentar unha moción para reclamar a correcta sinalización das parroquias e lugares deste concello. Tamén se demanda a revisión, corrección e divulgación entre a poboación da toponimia local. 

Reclamamos a correcta sinalización dos lugares e parroquias de Coirós

Coirós, 9 de xuño de 2017. O BNG ven de presentar unha moción para reclamar a correcta sinalización das parroquias e lugares deste concello. Tamén se demanda a revisión, corrección e divulgación entre a poboación da toponimia local. “No seu momento Coirós foi un dos concellos que participou na recollida da microtoponimia contando coa colaboración de moitas veciñas e veciños”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño, “esa información está dispoñíbel na web da Xunta de Galiza mais, desde o BNG, entendemos que este saber debe ser publicitado, compartido e posto en valor”. 

As nacionalistas pedirán que se solicite da Consellería da Presidencia toda a documentación coa toponimia de Coirós para revisala e corrixir os erros existentes,  que esa información sexa publicada na web municipal e a colocación de indicadores apropiados en todas as parroquias e lugares do concello

“Pensamos que é moi importante que se poña en valor este traballo  por unha banda para agradecer a colaboración de tantas persoas que aportaron a súa memoria para que nada se esquecera, e por outra, para que a xente moza sexa coñecedora do lugar no que vive e saiba o porqué de cada topónimo e, en definitiva coñeza e valore a nosa cultura e a nosa historia”, engadiu a portavoz nacionalista.

Por iso as concelleiras nacionalistas Pura Ferreño e Sonia López Marcote demandarán no vindeiro pleno municipal que se solicite da Consellaría da Presidencia toda a documentación coa toponimia de Coirós para revisala e corrixir os erros existentes. Do mesmo xeito esixirán que esa información sexa publicada na web municipal e que se fagan xornadas polas parroquias para dar a coñecer o saber dos nosos maiores e poñer en valor entre a xente moza a nosa cultura e historia. Paralelamente tamén se requirirá a colocación de indicadores apropiados en todas as parroquias e lugares do concello de Coirós.

Reclamamos a correcta sinalización dos lugares e parroquias de Coirós