Poñeremos en funcionamento un punto limpo para Coirós

Ademais de reducir a factura, cun programa de compostaxe nas parroquias a veciñanza podería obter de xeito gratuíto un fertilizante natural para as hortas. Un punto limpo comarcal era unha das emendas que o BNG presentou ás últimas contas da Xunta.

Poñeremos en funcionamento un punto limpo para Coirós

Coirós, 1 de marzo de 2019. O BNG comprometeuse a poñer en marcha un punto limpo para Coirós. A voceira e candidata á alcaldía, Pura Ferreño, explicou que actualmente a veciñanza pode usar o de Oza, a raíz dun convenio entre os dous concellos, pero "ten un horario de 10 a 14h de martes a sábado, claramente insuficiente e en absoluto adaptado ás necesidades das veciñas e veciños”.

"A recollida e tratamento do lixo é unha obriga de todos os concellos e Coirós non pode desentenderse disto descansando no concello do lado", abunda Ferreño. Recorda que en novembro de 2017, a instancias do BNG, o Pleno municipal de Coirós aprobou por unanimidade unha moción para promover a implantación dun punto limpo en colaboración con concellos limítrofes que tampouco dispoñen deste servizo.

"Nós defendemos reducir o volume de lixo e mellorar a recollida e tratamento en base ao xa famoso 'Triple R' de reducir, reciclar e reutilizar” explica a voceira do BNG. “Se a concesionaria retira menos lixo, a factura que pagamos as veciñas será menor”, explica.

As nacionalistas consideran que a compostaxe é unha opción para reducir a cantidade de lixo orgánico que xenera o municipio, reducindo a factura que SOGAMA cobra logo a Concello e veciñanza. Desde o BNG engaden que, ademais de reducir a factura, cun programa de compostaxe nas parroquias a veciñanza podería obter de xeito gratuíto un fertilizante natural para as hortas. “E os cartos que se aforran no servizo poderían ser destinados a outros investimentos para a comunidade”, engade Ferreño.

Ademais, a concelleira nacionalista recorda que un punto limpo comarcal era unha das emendas que o BNG presentou ás últimas contas da Xunta. "O PP votou en contra, deixándonos sen posibilidade de ter este servizo por vivirmos nun municipio rural e desde o goberno local resígnase a termos que utilizar o de outro concello, sen facer nada por mellorar a recollida", explica. "Farémolo nós a partir de maio", conclúe.