Insistimos na necesidade dun plan de limpeza e de melloras na xestión da recollida do lixo

Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós
Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós
“En numerosas ocasións temos instado ao goberno municipal a exixirlle á empresa concesionaria da xestión do lixo o deseño e execución dun plan de limpeza dos colectores. Tamén insistimos na necesidade de adaptar o reparto de colectores de distintos tipos (verde, amarelo, vidro e papel) para facilitar unha adecuada separación e posterior xestión dos refugallos”
Insistimos na necesidade dun plan de limpeza e de melloras na xestión da recollida do lixo

Coirós, 20 de Xuño do 2020. A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño, ven de rexistrar unha moción sobre a necesidade de mellorar a distribución dos colectores do lixo no concello de Coirós así como de elaborar e executar un plan de limpeza que garanta a seguridade da saúde pública. “En numerosas ocasións temos instado ao goberno municipal a exixirlle á empresa concesionaria da xestión do lixo o deseño e execución dun plan de limpeza dos colectores. Tamén insistimos na necesidade de adaptar o reparto de colectores de distintos tipos (verde, amarelo, vidro e papel) para facilitar unha adecuada separación e posterior xestión dos refugallos”, informou a concelleira nacionalista Pura Ferreño.

Desde o BNG de Coirós indican que o recente confinamento motivado pola pandemia da Covid-19 puxo de manifesto que a distribución de colectores non é adecuada, mostrándose moi insuficiente nas zonas que máis incrementaron a súa poboación. Sinalan tamén que o tipo de consumo durante esta época tamén evidenciou a escaseza de colectores de papel-cartón e incluso o mal uso que ás veces se fai dos mesmos por parte das persoas usuarias. “Falamos de saúde pública”, insiste Pura Ferreño. “A  falta de hixienización dos colectores verdes e amarelos ocasiona un risco para as veciñas e veciños mais tamén para as persoas traballadoras do servizo de recollida. É urxente que se tomen as medidas necesarias para subsanalo”, engadiu.

Tamén desde o BNG fan énfase na demanda de enviar información aos domicilios para mellorar a formación das persoas usuarias en canto a redución do lixo, separación e reciclaxe. Segundo Ferreño “o Concello ten a responsabilidade de mellorar a formación das persoas usuarias en canto a  xestión doméstica do lixo así como exixirlle á empresa concesionaria que poña os medios para que a recollida sexa óptima e segura para todas as persoas tanto veciñas como traballadoras do servizo”.

Insistimos na necesidade dun plan de limpeza e de melloras na xestión da recollida do lixo