Esiximos compromisos nas frecuencias de todas as paradas e datas concretas para a restitución dos servizos de bus

Pura Ferreño e Sonia López, concelleiras do BNG nun Pleno
Pura Ferreño e Sonia López, concelleiras do BNG nun Pleno

“Consideramos as novas que trasladou o goberno “baleiras de contido” ao non recoller prazos de execución e deixar sen confirmar as frecuencias nas paradas de Colantres, Queirís, os Chas e tamén A Lapela”

Esiximos compromisos nas frecuencias de todas as paradas e datas concretas para a restitución dos servizos de bus

Coirós, 5 de decembro de 2017. O BNG manifestou a súa satisfacción por ter conseguido que o alcalde se reúna con representantes da empresa Arriva grazas á presión do BNG. Aínda que consideramos as novas que trasladou o goberno “baleiras de contido” ao non recoller prazos de execución e deixar sen confirmar as frecuencias nas paradas de Colantres, Queirís, os Chas e tamén A Lapela.

O grupo municipal nacionalista presentou por rexistro varias preguntas e unha moción nos últimos días de novembro, cando tivo a información do que acontecía. Nelas demandou a actuación inmediata do goberno municipal para defender este servizo público imprescindible e moi utilizado por veciñas e veciños de Coirós no seu día a día.

Segundo palabras da voceira do BNG Pura Ferreño “o alcalde do PP Francisco Quintela tiña coñecemento da eliminación de frecuencias desde minuto cero, mais non actuou ata que o BNG fixo públicos estes problemas e demandou solucións inmediatas”. “Sabemos que algunhas persoas que foron ao concello transmitir a súa preocupación tiveron que escoitar respostas do tipo “iso non é competencia nosa, é cousa da Xunta””, indican as concelleiras nacionalistas.

“O concello ten o deber de preocuparse polos problemas da veciñanza e aínda que a competencia sobre o transporte sexa da Xunta de Galiza, o concello ten o deber de presionar á Xunta para que dea un servizo de calidade á veciñanza de Coirós, sobre todo ademais porque tanto no concello como na Xunta goberna o PP” rematan as concelleiras Pura Ferreño e Sonia López

É por iso que o BNG exixe de novo compromisos concretos nas frecuencias de todas as paradas, tanto as eliminadas (Os Chas, Queirís e Colantres) coma nas recortadas (A Lapela) e datas concretas para a restitución de todos os servizos.