Demandamos a mellora na seguridade da N-VI en Queirís

Cruce en Queirís para entrar na aldea do Mende
Cruce en Queirís para entrar na aldea do Mende

O Grupo Municipal do BNG en Coirós ven de presentar unha moción para que o goberno municipal transmita ao Ministerio de Fomento a necesidade de habilitar un carril de deceleración no lugar de Queirís, sentido Coirós. Isto facilitaría deixar a N-VI dirección O Mende sen risco de ter un accidente cos vehículos que circulan detrás.

Demandamos a mellora na seguridade da N-VI en Queirís

Coirós, 11 de outubro de 2017. O Grupo Municipal do BNG en Coirós ven de presentar unha moción para que o goberno municipal transmita ao Ministerio de Fomento a necesidade de habilitar un carril de deceleración no lugar de Queirís, sentido Coirós. Isto facilitaría deixar a N-VI dirección O Mende sen risco de ter un accidente cos vehículos que circulan detrás.

Na aldea de Queirís, na zona que está pola parte de abaixo do desvío da N-VI (á dereita en sentido Betanzos-Coirós) existe un importante núcleo veciñal tradicional que se veu incrementado hai uns poucos anos con vivendas de nova construción. Para acceder con vehículos a estes lugares desde a N.VI desde Betanzos (tamén chamado desvío ou circunvalación), son moitas as persoas que utilizan a derivación á dereita que está indicada como “O Mende”. Este desvío ten unha curvatura de preto do 180º o que obriga ás persoas condutoras a reducir moito a velocidade.

Este tramo da estrada N-VI ten moito tránsito e aínda que a zona está sinalizada para non exceder os 50 Km/h a redución exixida pode ocasionar choques por arremetida da traseira. Tamén é certo que no lugar existe unha beiravía de 1,5 metros e unha cuneta de anchura similar que permitirían habilitar un carril de deceleración para torcer á man dereita sen risco.

É por isto que o BNG propón que o Goberno municipal transmita ao Ministerio de Fomento, organismo do que depende a infraestrutura en cuestión, a necesidade de mellorar a seguridade viaria no lugar. Para o mesmo solicitarase de dito organismo a elaboración do estudo e proxecto correspondente para acometer as obras necesarias para habilitar un carril de deceleración que permita aos vehículos minorar a velocidade para torcer á dereita sen retardar o tránsito ou arriscarse a ter un accidente cos vehículos que circulan detrás.