O BNG pregunta no Pleno polo tramo de paseo que o Concello de Betanzos pretende executar en Coirós

O Concello de Coirós non coñece oficialmente nada do paseo que a Deputación e o Concello de Betanzos pretenden facer entre o peirao das Monxas e o Campo dos Caneiros, que atravesa parte do municipio coirosano.

O BNG pregunta no Pleno polo tramo de paseo que o Concello de Betanzos pretende executar en Coirós

Coirós, 14 de xaneiro de 2015. O Concello de Coirós non coñece oficialmente nada do paseo que a Deputación e o Concello de Betanzos pretenden facer entre o peirao das Monxas e o Campo dos Caneiros, que atravesa parte do municipio coirosano. “O alcalde respondeunos no Pleno que o que sabía era a través da prensa e que agardaba que o convidasen á inauguración”, explica a voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño.

A edila nacionalista preguntara no Pleno se a Deputación e o Concello de Betanzos pediran “opinión ao noso Concello sobre a realización deste proxecto que vai ter, sobre todo no caso da escollera, un altísimo impacto sobre o estado do río Mandeo”. Ferreño advertiu que no termo municipal de Coirós o paseo contempla “unha escollera no río e obras no propio campo dos Caneiros”.

Ante a pregunta do BNG o alcalde de Coirós responde que espera ser convidado a inauguración e que só coñece o asunto a través dos medios de comunicación

“Asinou o Concello de Coirós algún convenio coa Deputación para a realización destas obras dentro do noso termo municipal?” quixo saber a representante do BNG, que lamentou que o goberno local do PP non tivese informado á Corporación deste asunto. Pura Ferreño interpelou ao goberno local sobre se consideran “que é aceptábel que o Concello veciño de Betanzos contrate proxectos e obras no termo municipal de Coirós”.

Neste sentido,  preguntou se “o Concello de Coirós concedeu algún tipo de licencia para estas obras” e polas actuacións que “prevé realizar o alcalde con respecto a este proxecto”. “Que sabía do asunto só pola prensa e que agarda que o conviden á inauguración foi o que nos dixo o alcalde, que ía mirar de informarse” engade Pura Ferreño, “aínda que polo visto non semella que lle pareza mal que Betanzos contrate e faga obras no Concello de Coirós”.

O BNG pediu a paralización do proxecto no Parlamento

Os nacionalistas, por medio dos deputados Francisco Jorquera e Ana Pontón, presentaron unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para demandar a paralización do proxecto debido ao seu impacto ambiental. “O goberno municipal de Betanzos non someteu o proxecto ao trámite de información pública, violando así o dereito da veciñanza a presentar alegacións, nin solicitou informes a augas de Galiza nin a ningún dos departamentos da Xunta directamente afectados”, critica Henrique del Río, portavoz do BNG en Betanzos.

O BNG pregunta no Pleno polo tramo de paseo que o Concello de Betanzos pretende executar en Coirós