O BNG lamenta que o PP se negue a unir as parroquias de Coirós cun bus

Pura Ferreño é a portavoz do BNG en Coirós
Pura Ferreño é a portavoz do BNG en Coirós

O BNG criticou que o goberno local votara no Pleno en contra da proposta para adherirse ao transporte metropolitano e facer un estudo para unir por transporte público as diferentes parroquias co centro de saúde e o Concello.

O BNG lamenta que o PP se negue a unir as parroquias de Coirós cun bus

Coirós, 18 de marzo de 2015. O BNG criticou que o goberno local votara no Pleno en contra da proposta para adherirse ao transporte metropolitano e facer un estudo para unir por transporte público as diferentes parroquias co centro de saúde e o Concello. “O concello anunciou nos medios de comunicación que ía a solicitar a adhesión ao transporte metropolitano, mais no Pleno votou en contra da moción do BNG para solicitar a adhesión”, explicou a voceira nacionalista, Pura Ferreño.

“Na nosa moción tamén solicitabamos un estudo sobre a posibilidade dun transporte público entre as diferentes parroquias e o Centro de saúde e o propio concello, mais o alcalde negase sequera a estudar esta posibilidade”, criticou a portavoz nacionalista. “É unha demanda veciñal que levamos anos trasladando ao goberno do PP, e a que se negan por sistema sen ningún motivo” lamentou Ferreño. “O noso concello ten superávit todos os anos no orzamento e outros concellos da nosa comarca como Aranga, teñen este transporte”, indicou a nacionalista.

“O PP de Coirós prefire ter os cartos parados no banco en lugar de poñer en marcha un servizo que concellos do mesmo PP teñen na comarca, como Aranga, só porque crear o servizo é unha proposta do BNG”

“Non ten sentido votar en contra de sumarnos ao transporte metropolitano e logo pedir o ingreso”, sostén a edila do BNG. “Pero ten menos sentido aínda que se queira dar facilidades á nosa veciñanza para irse a Coruña e non para baixar de Ois ou Lesa ao centro de saúde ou ás oficinas do Concello”, lamentou. “O PP de Coirós prefire ter os cartos parados no banco en lugar de poñer en marcha un servizo que concellos do mesmo PP teñen na comarca, como Aranga” insiste. “Quintela está de capricho porque o propuxemos nós e non dá o brazo a torcer aínda que o PP faga o mesmo que pide o BNG no concello do lado”, conclúe.