Parabenizámonos pola retirada da Cruz dos Caídos

As concelleiras nacionalistas aplauden o inicio da execución do acordado no pleno de xaneiro de 2015 por iniciativa do BNG e demandan que se continúe ata eliminar toda a simboloxía fascista do concello de Coirós

Parabenizámonos pola retirada da Cruz dos Caídos

Coirós, 8 de Maio de 2018. O Grupo Municipal do BNG en Coirós levou a pleno en xaneiro de 2015 unha moción na que se exixía aplicar o conxunto da lei da memoria histórica. Demandouse retirar todos os monumentos, placas e outros obxectos e mencións conmemorativas da sublevación militar, a Guerra Civil ou a Ditadura, especialmente, por ser a máis visíbel, o monumento aos caídos a carón da casa do Concello.

Posteriormente as concelleiras nacionalistas tamén presentaron alegacións aos orzamentos municipais para que se incluíra neles a partida necesaria para executar este acordo.

Aínda así, foi precisa moita insistencia para que, despois de tres anos, o acordo comezase a ser executado.

“A partir de hoxe xa non atoparemos a Cruz dos Caídos na praza que da entrada á casa do Concello. Mais aínda quedan moitas outras mencións á sublevación militar de 1936 e á Ditadura que tamén deberán ser eliminadas” indica a concelleira Sonia López.

“Estamos contentas por ver finalmente executada unha parte importante do acordo plenario, mais continuaremos insistindo para que sexa eliminada toda referencia conmemorativa deste período tan nefasto para os dereitos das persoas e dos pobos” engade a voceira nacionalista Pura Ferreño.