O BNG de Coirós esixe a aplicación da lei de memoria histórica

O BNG demandou que o Concello de Coirós aplique a lei de memoria histórica, aprobada no 2007, mediante unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno.

O BNG de Coirós esixe a aplicación da lei de memoria histórica

Coirós, 22 de xaneiro de 2015. O BNG demandou que o Concello de Coirós aplique a lei de memoria histórica, aprobada no 2007, mediante unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno. A día de hoxe en Coirós existen aínda numerosos símbolos que conmemoran a exaltación e sublevación militar da Guerra Civil e da represión da Ditadura, como son a placa a Franco na fachada principal do Concello, unha cruz de homenaxe no adro da igrexa de Sta María de Oís, un escudo falanxista con xugo e frechas na fonte do Castrillón (Oís) ... e sobre todo, o monumento aos caídos situado a carón da casa do Concello.

Xunto á retirada das honras públicas ao ditador e aos franquistas, o BNG demanda que o Concello tribute unha homenaxe pública á veciñanza asasinada e represaliada no franquismo.

“Esiximos do goberno local do PP, e do alcalde Francisco Quintela, a retirada de toda a simboloxía conmemorativa da sublevación militar, Guerra Civil ou Ditadura (monumentos, placas, mencións …) especialmente o monumento aos caídos a carón do Concello por ser o máis visible, e a organización, por parte do Concello de Coirós, dunha homenaxe para reparar a memoria dos represaliados no noso concello e na comarca, pola súa ideoloxía” indicou a portavoz nacionalista Pura Ferreño.

“Con Lei de Memoria Histórica ou sen ela, calquera sociedade democrática retiraría de inmediato os honores aos que liquidaron un réxime democrático e aos que aplaudiron” indicou Ferreño. “Non hai recoñecementos públicos a Salazar ou Caetano en Portugal, a Mussolinni en Italia nin a Hitler, Goebbels ou Hitler en Alemaña, non ten por que habelas aquí para os seus correlixionarios”, indican desde o BNG. “Que exemplo dá unha sociedade que fai pasear ás familias das vítimas por rúas que reciben o nome dos seus asasinos?”, preguntouse a edila do BNG.

“É unha cuestión de dignidade e de reparación ás vítimas da dictadura” abundou. Para a voceira nacionalista, “o normal en calquera sociedade democrática que se precie é retirar todas as honras públicas a quen colaborou cun réxime dictatorial e criminal”.

O BNG de Coirós esixe a aplicación da lei de memoria histórica