Presentaremos alegacións á modificación das Normas subsidiarias en San Cidre

Imaxe da ordenación prevista en San Cidre
Imaxe da ordenación prevista en San Cidre

Os nacionalistas non comparten a necesidade nin a urxencia desta recualificación para levala a cabo como modificación das Normas Subsidiarias mentres se está tramitando o PXOM

“No propio borrador da modificación alude a que no momento puntual ‘xurde a oportunidade’ mais non especifica en que se concreta esta oportunidade. Pensamos que o goberno ten que informar claramente á veciñanza de se se refire ao convenio urbanístico que anunciaron hai case 2 anos con Gadisa e se é o caso que nos expliquen en que condicións se vai producir este convenio e en que vai beneficiar aos veciños e veciñas”

Presentaremos alegacións á modificación das Normas subsidiarias en San Cidre

Bergondo, 29 de maio de 2018. O BNG anunciou que presentará alegacións á modificación das Normas subsidiarias en San Cidre, no trámite de información previa ao informe de avaliación ambiental estratéxico.

Os nacionalistas non comparten a necesidade nin a urxencia desta recualificación para levala a cabo como modificación das Normas Subsidiarias mentres se está tramitando o PXOM. “Se a modificación fose para conseguir solo para unha dotación público para un servizo para a veciñanza como un xeriátrico ou un centro de día público entenderiamos a urxencia mais para recualificar para construír unha urbanización e unha área comercial sinceramente non vemos que urxencia ten, para non poder agardar á aprobación do Plan Xeral”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.

“No propio borrador da modificación alude a que no momento puntual ‘xurde a oportunidade’ mais non especifica en que se concreta esta oportunidade. Pensamos que o goberno ten que informar claramente á veciñanza de se se refire ao convenio urbanístico que anunciaron hai case 2 anos con Gadisa e se é o caso que nos expliquen en que condicións se vai producir este convenio e en que vai beneficiar aos veciños e veciñas”, engadiu o nacionalista.

“No documento alude continuamente a que se trata do mesmo planeamento que recolle o PXOM en tramitación, mais a realidade é que o Plan Xeral non foi sequera a aprobación inicial e non foi debatido en ningún órgano do concello, sen embargo condiciona a ordenación de San Cidre coa construción dunha área comercial de 2 plantas e máis de 5000 m2 e 55 vivendas en edificios de 2 pisos e baixo”, criticou o portavoz nacionalista. “Non entendemos a necesidade de planear edificios de pisos mentres o Concello de Bergondo perde poboación e temos un 10% da vivenda baleira segundo o propio borrador”, engadiu.

Funcionamento do Saneamento

O proxecto contempla que o saneamento vaia á EDAR de Fiobre, que xa ten problemas neste momento, e que tería que asumir a poboación de 55 novas vivendas máis a área comercial. “Hai queixas continuas polo mal funcionamento desta EDAR até o punto de que a praia de Fiobre leva máis de 5 anos pechada ao baño pola contaminación por fecais da auga”, indicou Carro.

Necesidade de proxecto

Desde o BNG consideran que este proxecto non é necesario, xa que Bergondo leva anos perdendo poboación ao igual que o resto das Mariñas e polo tanto non hai necesidade de nova vivenda, “mais en todo caso se a houbese nos defendemos que se permita construír arredor dos núcleos rurais ou da zona urbana como Guísamo en extensivo, xa que o modelo de urbanizacións só beneficia aos promotores e favorece a especulación, en lugar de favorecer á veciñanza”, concluíu Carro.