Presentamos as nosas alegacións á nova proposta de modificación das normas subsidiarias en San Cidre

PXOM Bergondo San Cidre
PXOM Bergondo San Cidre

A nova modificación proposta, incrementa a superficie destinada a construción de vivendas mentres se reducen o solo público, tanto dotacional como de viario público

Presentamos as nosas alegacións á nova proposta de modificación das normas subsidiarias en San Cidre

Bergondo, 24 de outubro de 2019. O BNG presentou as súas alegacións á nova modificación das normas subsidiarias en San Cidre proposta polo Goberno Local (PSOE - Alternativa dos Veciños), no tramite de consultas previo á avaliación ambiental estratéxica.

“Esta nova proposta, logo de que a Xunta emitise un informe demoledor da anterior, como xa advertiramos dende o BNG, vémoslle as mesmas pegas. Non entendemos a necesidade nin a urxencia que xustifique unha modificación da Normas subsidiarias mentres se está tramitando o PXOM. Non hai unha previsión de incremento de poboación en Bergondo que xustifique construír unha urbanización e unha área comercial. Pensamos que deberá ser aprobado, ou non, có PXOM que ordenará todo o solo do concello”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.

A nova modificación proposta, incrementa a superficie destinada a construción de vivendas mentres se reducen o solo público, tanto dotacional como de viario público. "Parece que se quere compensar aos propietarios a causa da redución de alturas que a Xunta exixe no entorno de Os Condes a costa do que vai ser de todos", censura.

“No documento alude a que é o mesmo planeamento que recolle o PXOM en tramitación, mais o Plan Xeral non foi sequera a aprobación inicial e non foi debatido en ningún órgano do concello, sen embargo condicionaría a ordenación de San Cidre coa construción dunha área comercial de 2 plantas e máis de 5000m2 e 55 vivendas en edificios. Ademais a area comercial e industrial que inclúe esta modificación duplica a superficie que recolle o PXOM. O PXOM en tramitación recolle 1,8 hectáreas e a modificación das normas subsidiarias case o dobre  3,4 hectáreas”, engade o portavoz nacionalista.

“O proxecto non xustifica a capacidade do tratamento de augas residuais. Contempla que o saneamento conectará coa EDAR de Fiobre, xa saturada actualmente, coa praia do Regueiro pechada ao baño pola contaminación por fecais da auga e excluída das analíticas da Xunta de Galiza”, explicou Carro. “Faría falta unha información máis polo miúdo do saneamento e depuración de augas residuais no caso de que se aceptase continuar con esta modificación das NSP, estudo que debera recoller datos sobre a capacidade máxima desta depuradora, a súa situación actual, os motivos que provocan a mala calidade da auga no Regueiro e as alternativas antes de sobrecargar esta infraestrutura”.

Desde o BNG pensamos que concellos como Bergondo debe apostar polo pequeno comercio de proximidade, a produción propia, a posta en valor dos produtos de calidade e un desenvolvemento ambientalmente sostíbel, algo incompatíbel coa instalación de grandes superficies comerciais que teñen unha repercusión directa sobre o pequeno comercio, e que ademais teñen en número máis que suficiente presencia nos concellos limítrofes.

“A solución para San Cidre non é seguir promovendo obra nova senón preservar o que aínda queda do núcleo tradicional e evitar cambiar a tipoloxía construtiva por outra con usos mais intensivos allea ao que tradicionalmente o caracterizou”, engadiu David Carro.

“A memoria de información indica que ‘no momento actual xurde a oportunidade de desenvolver urbanísticamente os terreos, mais non aprofunda en como. Probabelmente se refire a un convenio urbanístico que o Concello anunciara hai uns anos coa empresa GADISA para unha superficie comercial nese lugar, mais non concreta se existe un convenio nin en que termos, e de non ser así cal é a oportunidade que xurde neste momento para facer urxente este desenvolvemento. Pedimos que se concretase esta información para poder valorar os beneficios para o concello e a veciñanza desta modificación”, engaden os nacionalistas.

“Se a modificación fose para conseguir solo para un servizo público para a veciñanza como un xeriátrico ou un centro de día entenderiamos a urxencia mais para recualificar para construír unha urbanización e unha área comercial non vemos que urxencia ten para non poder agardar á aprobación do Plan Xeral”, concluíu Carro.