Presentamos alegacións a un orzamento continuista para Bergondo

David Carro
David Carro é o portavoz do BNG en Bergondo

O BNG solicita que se reserven fondos para a loita contra a violencia de xénero, aumentar os dedicados a acción social e fomento do emprego, e a mellora da biblioteca -para a que non se prevé investir nin en obras nin en persoal-, ademais de solicitar o estudio da remunicipalización de servizos básicos, e un novo sistema de subvencións en concorrencia competitiva

Presentamos alegacións a un orzamento continuista para Bergondo

Bergondo, 28 de decembro de 2018. O BNG ven de presentar alegacións ao orzamento municipal de Bergondo para 2019, "un orzamento continuista, sen novidades, un copia e pega dos anteriores, dun goberno sen proxecto, que non ten nada que ofrecer", indicou o voceiro nacionalista David Carro. "O orzamento aprobado inicialmente para o vindeiro ano non recolle ningún dos proxectos que firmaron PSOE e os concelleiros hoxe non adscritos no seu pacto de goberno para esta lexislatura. Bergondo precisa xente honesta, con ideas claras, e non vendedores de fume", criticou Carro.

Dende o BNG criticaron o elevado gasto en cousas superfluas salarios do equipo de goberno, festas ou protocolo e publicidade. "Parécenos indignante que un goberno que se di socialista gaste máis en publicidade e propaganda que en bolsas de estudio", expuxo o portavoz do BNG. Na mesma liña, un ano máis continúan a reducir o orzamento para fomento de emprego mentres 344 veciños e veciñas de Bergondo están no desemprego.

“Cuestións como a privatización de servizos ou as subvencións nominativas "a dedo de máis de 113 mil euros fronte aos 28 500 reservados para a convocatoria pública, repítense ano tras ano sen que o goberno faga nada para reverter a situación, o que so se explica se se pretende facer clientelismo con cartos públicos ”, expuxo Carro.

En canto ao proceso participativo, dende o BNG consideraron que o goberno local debía presentar os orzamentos a veciñanza antes de aprobalos, responder ás propostas e indicar os motivos das que non inclúen así como a vontade de realizala ou non no futuro, así como suprimir o limite de 10.000€ por parroquia, xa que limita moitísimo as propostas a realizar e circunscríbenas a intereses parroquiais excluíndo outras que poden interesar ao conxunto do Concello.

Nas súas alegacións, o BNG solicita que se reserven fondos para a loita contra a violencia de xénero, aumentar os dedicados a acción social e fomento do emprego, e a mellora da biblioteca -para a que non se prevé investir nin en obras nin en persoal-, ademais de solicitar o estudio da remunicipalización de servizos básicos, e un novo sistema de subvencións en concorrencia competitiva.

Presentamos alegacións a un orzamento continuista para Bergondo