Presentamos as nosas propostas para os orzamentos municipais de Bergondo para 2020

“O Goberno Local culpabilízanos sempre do retraso do orzamento por presentar alegacións, pese a que eles mesmos o presentan fora de prazo; este ano achegámoslles antes as nosas propostas para que as teñan en conta na súa elaboración, así non hai escusa"

Presentamos as nosas propostas para os orzamentos municipais de Bergondo para 2020

Bergondo, a 18 de novembro de 2019. O BNG de Bergondo ven de rexistrar as súas propostas para a elaboración do orzamento municipal 2020. ''O Goberno Local sempre nos culpabiliza do retraso do orzamento por presentar alegacións, pese a que eles mesmos o presentan fora de prazo; este ano decidimos achegarlles antes as nosas propostas, así acabáronselles as escusas" explicou o portavoz do BNG David Carro. 

''Dende o BNG presentamos oito propostas concretas para que o Goberno Local teña en conta, entre elas, salientar a inclusión dunha partida para a adquisición de terreos para novas infraestruturas ou a ampliación das existentes (CPI, nova escola infantil, centro de día, ...)'' indicou Carro. '' Ademais, solicitamos aumentar as partidas para cultura e deporte, tanto as axudas a asociacións ou clubs, como a realización de actividades do propio Concello'' engadiu o concelleiro nacionalista. 

Outras propostas detalladas polo BNG son a realización dun Plan de Igualdade, ampliar a inversión en fomento do emprego, estudiar a posible remunicipalización de servizos, ou limitar as subvencións nominativas 'a dedo'. 

Para cubrir as partidas que aumentan, os nacionalistas bergondeses propoñen rebaixar as dedicadas a publicidade e propaganda, gastos protocolarios, ou festexos. 

Ademais, o BNG demanda do Goberno Local unha profunda reflexión sobre as condicións para a presentación de propostas dentro do proceso de Orzamentos Participativos, "co sistema de 10.000€ por parroquia algunhas non presentan propostas e noutras ningunha é viable, co cal quedaran sen a inversión" indicou Carro, "as condicións impostas polo equipo de goberno dificultan a aceptación de propostas que poidan entrar no proceso, sobre todo o importe establecido e a circunscrición por parroquia" concluíu o voceiro do BNG.