Reclamamos “contundencia” e unha investigación a fondo sobre o verquido hidrocarburos á ría

Imaxe da Ría de Betanzos
Imaxe da Ría de Betanzos

O BNG lamentou o que considera “un día negro para a ría de Betanzos e a reserva da biosfera” a raíz do verquido de hidrocarburos á ría de Betanzos na tarde de onte. A raíz deste verquido, o BNG das Mariñas, por medio dos seus voceiros en Betanzos e Bergondo, Henrique del Río e David Carro respectivamente, denunciou que estaríamos “ante o enésimo episodio de contaminación da ría”. “Trátase dun problema grave, do que ninguén é responsábel. Cremos que estas agresións ambientais non poden quedar impunes”

Reclamamos “contundencia” e unha investigación a fondo sobre o verquido hidrocarburos á ría

Betanzos, 5 de novembro de 2016. O BNG lamentou o que considera “un día negro para a ría de Betanzos e a reserva da biosfera” a raíz do verquido de hidrocarburos á ría de Betanzos na tarde de onte. A raíz deste verquido, o BNG das Mariñas, por medio dos seus voceiros en Betanzos e Bergondo, Henrique del Río e David Carro respectivamente, denunciou que estaríamos “ante o enésimo episodio de contaminación da ría”. “Trátase dun problema grave, do que ninguén é responsábel. Cremos que estas agresións ambientais non poden quedar impunes” enfatizan ambos portavoces.

Desde o BNG refírense ao verquido de hidrocarburos detectado no río Callou ao seu paso por Bergondo producido a última hora da tarde do venres 4 de novembro, segundo a axencia de noticias Europapress. A axencia especulaba sobre a orixe dos hidrocarburos, apuntando ao cercano polígono betanceiro.

Sempre segundo as informacións de Europapress, os servizos de emerxencia alertaban dos verquidos de hidrocarburos por volta das dúas da tarde do venres, no tramo do río entre As Angustias e o lugar de Miodelo. Até alí acudiu un amplo dispositivo composto do corpo de bombeiros de Betanzos, da policía autonómica, guardia civil e mais Protección Civil.

Aínda que se descoñece a orixe do verquido, as fontes consultadas por Europapress sinalaban a posibilidade de os hidrocarburos ter a súa orixe nalgunha empresa do polígono de Piadela, situado no concello de Betanzos.

O BNG das Mariñas denuncia a gravidade do ocorrido e aproveita para reclamar “a implicación do SEPRONA e da Fiscalía ambiental do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, para que se investigue a fondo a orixe do verquido e se permita depurar as oportunas responsabilidades por este atentado ambiental”. “Hai que dar unha resposta contundente diante destes atentados á saúde e o patrimonio de todas”, conclúen.