Pedimos ao goberno local información sobre a obra de amaño da varanda da Ponte do Pedrido

Imaxe da obra na varanda da Ponte do Pedrido
Imaxe da obra na varanda da Ponte do Pedrido
“É un símbolo do noso concello, da nosa historia e fundamental para toda a nosa comarca e non se pode permitir esta deixadez e falta de sensibilidade no tratamento que lle dan as administracións”
Pedimos ao goberno local información sobre a obra de amaño da varanda da Ponte do Pedrido

Bergondo, 4 de xuño de 2020. O BNG de Bergondo ven de solicitar ao Goberno Local que pida información ao Goberno da Xunta, da que depende a Ponte do Pedrido, sobre a obra que se realizou nos últimos días para amañar a varanda  e que “supón un verdadeiro atentado contra o noso patrimonio”.

 “A reparación dalgúns tramos de varanda da ponte que resultaron danados hai meses por un accidente de tráfico é unha auténtica chapuza, unha mole de cemento armado, no canto dunha varanda de deseño como a que tiñamos dende a súa construción nos anos 40” indicou o portavoz do BNG David Carro, “en 80 anos de vida da ponte non se viu outra agresión de tal calibre?” preguntouse o concelleiro nacionalista. 

O BNG solicitou ao concello de Bergondo que actúe en defensa dunha ponte que é mesmo un símbolo do propio concello e que supuxo un antes e un despois na vida da comarca das Mariñas ao ser o primeiro paso que permitía atravesar a Ría de Betanzos sen ter que percorrer quilómetros pola parte interior da Ría. “É un símbolo do noso concello, da nosa historia e fundamental para toda a nosa comarca e non se pode permitir esta deixadez e falta de sensibilidade no tratamento que lle dan as administracións”, concluíu.

O BNG anunciou tamén que pedirá explicacións a Xunta por este inxustificable atropelo contra un ben tan importante do noso patrimonio.

Pedimos ao goberno local información sobre a obra de amaño da varanda da Ponte do Pedrido