Levamos a Pleno a falta de seguridade na polideportiva de Cortiñán

“Dende o BNG consideramos que, cando menos momentaneamente, uns bolardos móbiles sería unha solución rápida e asumíbel polo seu custo”

Levamos a Pleno a falta de seguridade na polideportiva de Cortiñán

Bergondo, 2 de agosto de 2019. O BNG solicitou no Pleno o peche da polideportiva de Cortiñán con algún sistema que permita o uso deportivo, facéndose eco da preocupación trasladada pola veciñanza da zona. “Pensamos que é importante un sistema que asegure a seguridade e ao mesmo tempo que cando se precise en momentos puntuais permita outros usos como aparcamento, tendo en conta que no lugar non hai moito espazo”, explicou o concelleiro do BNG, David Carro. 

''Dende que retiraron as vallas que a delimitaban esta tense convertido nunha pista de competición para os amantes da velocidade dedicados a facer carreiras ou trompos, non so polas noites, senón tamén cando hai nenos e nenas xogando no parque, co perigo e molestias que conleva", engadiu o portavoz nacionalista.

“O Goberno Local contestou no Pleno que son conscientes da situación dende xa fai un tempo e segundo afirmaron están buscando unha solución. Tamén afirmou a alcaldesa que están estudando a posibilidade de cubrila, algo que Patrimonio non permite e que tampouco solucionaría o problema de seguridade”, indicou o nacionalista. 

“Agardamos que non se teña que dar unha desgraza para que se dean conta realmente da problemática existente”, indicou Carro. Dende o BNG consideramos que, cando menos momentaneamente, uns bolardos móbiles sería unha solución rápida e asumíbel polo seu custo.