Lamentamos que o goberno local non acometa as obras completas das beirarrúas no centro de Guísamo

Imaxe da obra das beirarrúas en Guísamo
Imaxe da obra das beirarrúas en Guísamo

Lamentamos que non aproveiten para renovar as instalacións soterradas como a auga ou o saneamento, xa que co paso do tempo será preciso romper de novo co gasto que iso supón

Lamentamos que o goberno local non acometa as obras completas das beirarrúas no centro de Guísamo

Bergondo, 18 de xaneiro de 2019. O BNG de Bergondo lamentou que o goberno local non acometa as obras completas das beirarrúas no centro de Guísamo unha vez que esta a levantar o pavimento. "Logo de visitar as obras de renovación das beirarrúas de Guísamo vemos que o único que cambian é o pavimento.  Lamentamos que non aproveiten para renovar as instalacións soterradas como a auga ou o saneamento, xa que co paso do tempo será preciso romper de novo co gasto que iso supón" explicou o portavoz nacionalista David Carro. 

Os nacionalistas tamén cuestionaron que se empregue asfalto no canto de plaqueta "a utilización de asfalto nas beirarrúas reduce costes pero no verán produce máis calor, filtra a auga con máis facilidade, a estética non vai acorde co entorno, e se hai algunha avaria é máis complicado que a reparación quede ben" apuntou o voceiro nacionalista.

Na mesma liña, dende o BNG lamentaron que non se aproveite a ocasión para poñerse en contacto co Ministerio de Fomento e buscar unha solución aos problemas de aparcamento na zona e se intente humanizar o entorno para favorecer a mobilidade dos peóns e a promoción do comercio local.

“Nalgunhas zonas pasar cun simple carriño faise deporte de risco”, ironizou o portavoz nacionalista. "Ten máis pinta de ser outra acción máis da política de maquillaxe a que nos teñen afeitos, facer que fan, que a unha obra ben programada" concluíu Carro.