Demandamos máis prazas de escola infantil pública

escola infantil municipal guisamo
escola infantil municipal guisamo

“Pedimos ao goberno local que valore a posibilidade de ampliar o número de prazas da escola infantil municipal ou que solicite da Xunta que abra unha nova escola infantil dentro da rede da ‘Galiña Azul’ noutro núcleo do noso concello”

Demandamos máis prazas de escola infantil pública

Bergondo, 25 de maio de 2017. O BNG pediu ao goberno local que habilite mais prazas de educación infantil públicas en Bergondo. “Onte publicouse o listado de nenos e nenas admitidos e excluídos na única escola infantil pública que hai no noso concello e quedan excluídas 18 crianzas, 8 na aula de 1 ano e outros 10 na de 2 a 3 anos. A escola infantil conta con 38 prazas”, explicou o portavoz do BNG de Bergondo David Carro. “Non é o primeiro ano que quedan nenos e nenas excluídas deste servizo, senón que ven sendo habitual que o número de prazas dispoñíbeis na escola infantil municipal non sexan suficientes para cubrir as solicitudes”, engadiu o portavoz nacionalista.


“Pedimos ao goberno local que valore a posibilidade de ampliar o número de prazas da escola infantil municipal ou que solicite da Xunta que abra unha nova escola infantil dentro da rede da “Galiña Azul” noutro dos núcleos do noso concello. Entendemos que esta última sería a opción máis sensata tratándose o noso concello dun concello disperso sen grandes núcleos de poboación definidos outra escola infantil contribuiría a facilitar os desprazamentos, ademais a competencia de facilitar este servizo é da Xunta de Galiza”, indicou David Carro.


Os nacionalistas explicaron que aínda que a competencia é da Xunta o Concello debe facer o posíbel para evitar situacións como a do vindeiro curso no que o  47.36% das persoas solicitantes de praza foron excluídas e vense obrigadas a recorrer a unha escola infantil privada.