Defenderemos no Pleno que se modifique a taxa de saneamento para que toda a veciñanza pague o mesmo por engancharse ao servizo

"Sabemos dalgún caso onde unha casa pagou 450€ e a do lado ten que pagar 900€ por conectarse á rede de sumidoiros dependendo da distancia da arqueta, algo difícil de entender"

Defenderemos no Pleno que se modifique a taxa de saneamento para que toda a veciñanza pague o mesmo por engancharse ao servizo

892c89c2-bd78-435d-9ed1-7066d5b7dc1e (1)Bergondo, 25 de setembro de 2019. O BNG defenderá mañá no Pleno unha moción na que propón que se modifique a taxa de saneamento para que toda a veciñanza pague o mesmo por engancharse ao servizo salvo caso de emerxencia social ou reducións por renda. "Calquera vivenda que queira engancharse ao saneamento ten que pagar unha taxa, sen embargo a que non ten a sorte de que lle coincida unha arqueta de rexistro diante da porta ten que pagar por facela, e en algúns casos pagar o dobre que o veciño do lado, algo que non nos parece xusto, máis cando a maioría das casas xa estaban construídas cando instalaron a rede de sumidoiros" indicou o portavoz nacionalista David Carro. 

“O saneamento é un servizo básico que segundo a Lei de Bases de Réxime Local teñen que prestar todos os concellos. O Concello ten a obriga de facer todo o posíbel para proporcionarlle este servizo á veciñanza o antes posíbel”, engadiu o voceiro nacionalista. "É de xustiza que todos e todas paguemos o mesmo polo mesmo servizo, salvo excepcións de emerxencia social ou bonificacións en función da renda, sobre todo tratándose dun servizo básico" indicou Carro. "Sabemos dalgún caso onde unha casa pagou 450€ e a do lado ten que pagar 900€ por conectarse á rede de sumidoiros, algo difícil de entender", expuxo Carro. 

“Esta situación de desigualdade tamén provoca que haxa quen opta por non engancharse a rede co cal o servizo é máis caro para o resto ao repartirse os costes entre menos abonados. Ademais das consecuencias ambientais que ten: por un lado hai vivendas que seguen vertendo directamente coas consecuencias evidentes de empeoramento de calidade das augas de rios e regatos e por outro a depuradora instalada en Gandarío non funciona correctamente como indicaba hai poucas semanas un informe polo escaso número de vivendas conectadas á rede”, explicou o portavoz do BNG. O nacionalista explicou que con esta proposta pretenden propor unha solución a esta problemática e pedirán ao goberno local que fomente que a veciñanza se conecte ao saneamento xa que é fundamental para garantir a calidade ambiental dos rios e da Ría.