O BNG propón elaborar un plan de accesibilidade universal

"Con este plan faríase un inventario de barreiras arquitectónicas para telas localizadas e corrixilas paulatinamente no caso de ser de competencia municipal, e instar as outras administracións ou empresas de servizos, a corrixir as que lles correspondan"

O BNG propón elaborar un plan de accesibilidade universal

Bergondo, a 22 de setembro de 2020. O BNG rexistrou para o seu debate no Pleno de Bergondo do próximo xoves unha proposta para a elaboración dun plan de accesibilidade universal. "Con este plan faríase un inventario de barreiras arquitectónicas para telas localizadas e corrixilas paulatinamente no caso de ser de competencia municipal, e instar as outras administracións ou empresas de servizos, a corrixir as que lles correspondan" indicou o portavoz nacionalista David Carro. "A dia de hoxe temos farolas ou postes no medio das beirarrúas, pasos de peóns sen adaptar ..." expuxo Carro. 

Tamén se propón a instalación en edificios municipais dunha serie de pictogramas para facer un entorno máis accesible a persoas con, por exemplo, trastornos do espectro autista, ou con capacidades cognitivas alteradas, que comprenden mellor a información dun xeito visual. 

Inicio de curso 

Ademais, o BNG tamén rexistrou outra moción na que se insta a Xunta a modificar o protocolo de volta as aulas e consensualo con toda a comunidade educativa, así como asumir o sobrecuste de servizos como a limpeza e non cargar aínda máis aos Concellos, con unha competencia que lles é impropia, e dar unha solución a problemáticas que poden levar ao traste servizos como os comedores escolares, ou as actividades extraescolares.

“No CPI Cruz do Sar quedan sen comedor un bo número de estudantes de secundaria sen que a Xunta lles de unha alternativa; ademais, a día de hoxe, a ANPA non recibiu por parte da administración autonómica ningunha indicación sobre como desenvolver as actividades extraescolares" expuxo o voceiro nacionalista David Carro. "Non é de recibo que a Xunta cargue toda a responsabilidade nas ANPAs e no profesorado, que traballan arreo contra vento e marea, pero que precisan do apoio da Consellería" concluíu Carro
O BNG propón elaborar un plan de accesibilidade universal